A temporalidade e a escasa duración dos contratos, reduciron o desemprego a 176.696 persoas no mes de maio. “Un maio paradigmático onde constatamos a crecente precariedade laboral que se consolida no mercado de traballo en Galiza”, afirma o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle quen chama a atención sobre o feito de que para reducir o paro rexistrado en 5.500 persoas fixéronse preto de 100.000 contratos. “Máis de 17 contratos por persoa nun mes. Un contrato cada dous días”.
Cartelle atribúe novamente esta situación ás políticas económicas e laborais do PP e empraza ao novo goberno a “retirar as reformas laborais e de negociación colectiva, mudar as políticas de emprego e articular medidas de protección social que realmente dean cobertura a situación de abandono que padecen as persoas desempregadas”.
As cifras
Seguindo coa tónica dos últimos ano, o mes de maio rematou cun descenso do desemprego tanto en Galiza como na media estatal. No caso de Galiza a redución foi dun 3,07% (2,51% na media do estado).
Tamén a nivel sectorial o descenso estacional vai en consonancia co ocorrido en anos anteriores. Na Construción a redución é maior (5,39%), seguido de Industria (4,25) e Servizos con 2,68% menos de persoas paradas neste sector.
“O preocupante é que este descenso vai acompañado dun forte número de contratos rexistrados”, reitera Cartelle. Concretamente 96.189 en tan só un mes. “Isto, loxicamente, explícase polo escasísima duración dos contratos e a alta rotación dos mesmos, xa que para 5.595 persoas menos desempregadas o número de contratos é moi elevado”.
De feito, tan só o 8,5% dos contratos foron rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.
Desprotección
A protección das persoas desempregadas é outro dato altamente preocupante. Tan só o 48,2% perciben algún tipo de protección. Se nos cinguimos á prestación contributiva, tan só o 20% do total de parados e paradas a perciben. O resto, o 28,2% ou non perciben nada ou como moito un subsidio que apenas superaría os 400€.
De aí que desde a CIG se demanden medidas urxentes para paliar esta gravísima situación, que aboca á pobreza e á exclusión social a miles de persoas.