O programa de actividades conmemorativas polo Día do Dano Cerebral (26 de outubro) e o Día do Ictus (29 de outubro) comeza esta semana e vaise estender ata o día 31 do mes, con máis de 30 citas programadas en oito localidades polas cinco asociacións galegas de dano cerebral e a súa federación de referencia, FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral).
O acto central deste amplo programa vai ser unha lectura, o día 26 de outubro, simultánea –ás 12:00- e expansiva –en sete cidades- do manifesto do Día do Dano Cerebral, no que cada ano se expón a situación das persoas con dano cerebral e se actualizan as demandas e reivindicacións deste colectivo e das súas familias. FEGADACE organiza, en colaboración coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, a lectura de Santiago, que vai ter lugar na Praza do Obradoiro co respaldo da Corporación Municipal compostelá.
FEGADACE lerá tamén o manifesto nos hospitais Arquitecto Marcide de Ferrol e Provincial de Pontevedra, onte ten previsto instalar durante a mañá mesas informativas para sensibilizar sobre a situación das persoas con dano cerebral. O manifesto vaise ler tamén en Vigo, Ourense, Lugo e A Coruña.
Polo Día do Ictus, FEGADACE organiza un coloquio que vai ter lugar no auditorio da sede de Afundación da rúa do Vilar, en Santiago. Vai estar protagonizado por Susana Arias, neuróloga do CHUS, Fernando Galdo, familiar e coidador da súa nai, que tivo un ictus, e Juan Luis Delgado, membro da directiva de ADACECO (Asociación de Dano Cerebral da Coruña) que tivo un ictus e falará do mesmo en primeira persoa. Ademais, José Manuel Fandiño, coordinador de Urxencias do CHUAC, vai falar do Código Ictus e presentar o Plan Ictus do Sergas.
O ictus é a principal causa do dano cerebral, no 78% dos casos. De aí o interese por vincular o Día do Dano Cerebral coa xornada dedicada ao seu principal causante. En Galicia viven actualmente 35.756 persoas con dano cerebral adquirido, e prodúcense cada ano case 7.000 novos casos desta discapacidade. Con xornadas e actos como este FEGADACE quere facer que o dano cerebral adquirido deixe de ser unha epidemia silenciosa, favorecendo a inclusión social e o empoderamento das persoas e familias con DCA.
Ademais das actividades detalladas, as asociacións da Coruña (ADACEC), Lugo (ADACE), Ourense (Renacer), Santiago (Sarela) e Vigo (Alento) organizan outras moitas citas de tipo lúdico, informativo, divulgativo e reivindicativo. A relación completa está no documento que acompaña a presente nota.