O vindeiro sábado, 29 de outubro, farase un ano da 'Operación Jaro', o operativo ordenado pola Audiencia Nacional no que se detivo 9 independentistas, militantes de Causa Galiza, e deu lugar á suspensión de actividades desta organización política. “Foi unha ilegalización de ideas políticas, dunha organización política que desde 2007 levaba actuando dentro da máis absoluta legalidade”, afirma Joam Peres, unha das persoas encausadas e que este sábado compareceu en Compostela perante os medios canda outras 6 procesadas. Cualifican a súa situación de “indefensión xurídica absoluta”, cunha investigación fechada pero con total descoñecemento sobre o que lles vai acontecer. “Non sabemos se iremos todos a xuízo, cando...”, explican. Sabela, outras das encausadas no operativo ordenado polo xuíz Eloy Velasco, exprésao claramente: “A nivel psicolóxico é moi duro. Levamos un ano no que non sabemos nin o que vai pasar con nós, e podemos botar máis anos nesa situación”.
Lembran que os seus avogados denunciaron unha vulneración da cadea de custodia en probas e obxectos que as forzas de seguridade lles requisaron nos seus domicilios. Un motivo máis, apontan, para se sentir “en absoluta inseguridade xurídica”.
Recursos
Consideran que a 'Operación Jaro' e as súas consecuencias son un“salto cualitativo” na represión contra o independentismo galego, unha operación “política” que procura evitar que calle un proxecto independentista ao tempo que aposta en “mantér paralizado” a súa base social. Os encausados anunciaron que os avogados estudan presentar un recurso contra a ilegalización no Tribunal Constitucional e solicitar o levantamento da “suspensión de actividades” que a Audiencia Nacional ditou sobre Causa Galiza.
Solidariedade
Destacan a solidariedade e apoio recibido durante este ano, como a listaxe de 75 organizacións políticas, sindicais, sociais... que se posicionaron contra a súa ilegalización. Unha manifestación nacional, varias palestras por diferentes partes do país, a denuncia do proceso no Parlamento europeo e compromiso de levalo ao Parlamento de Galiza.. son outras das cuestións que se impulsaron durante estes meses.
Reiteran que a actividade de Causa Galiza sempre foi pública e dentro da legalidade. E cualifican de “irrisorios” os argumentos empregados pola Audiencia Nacional para acusalos. “A min acúsaseme de levar o 25 de xullo un retrato de Moncho Reboiras. Non é brincadeira, así figura na acusación contra min”, afirma Joam Fernades, 'Cake', outras das persoas imputadas. Esa mesma acusación pesa sobre outras encausadas. “No meu caso, no escrito puxeron que organizaba palestras políticas”, afirma Sabela. Ao que se suman as acusacións de enaltecemento do terrorismo por organizar un acto de homenaxe aos `Mártires de Carral'.