O 1 de outubro do ano 2017 o pobo catalán exerceu o dereito de autodeterminación que xa se iniciou hai anos. Desde as consultas populares que comezaron en 2009, pasando pola consulta do 9 de novembro de 2014 ou as 18 veces que se pediu ao Estado a posibilidade de facer un referendo. Os sindicatos asinantes estivemos a carón do pobo catalán para defender o dereito a decidir libremente o seu futuro.
Os sindicatos soberanistas cataláns impulsaron as folgas do 3 de Outubro e o 8 de Novembro, tanto para mellorar as condicións de vida da clase traballadora como para defender as súas liberdades sociais e laborais.
O aparello do Estado Español está desenvolvendo unha ofensiva represiva contra diferentes sectores do movemento para a autodeterminación de Catalunya: representantes políticos, activistas da ANC, Òmnium ou dos CDRs. Algunhas destas persoas levan practicamente un ano en prisión sen xuízo, outras no exilio. Non obstante, a represión non se acaba aquí, docentes, bombeir@s, artistas tamén son perseguidas co único obxectivo de xerar medo para así intentar aplacar o movemento para a autodeterminación de Catalunya.
O sindicalismo tamén sufriu e sofre represión cando loita, Bodalo, Alfon, Sidil, Molero e moitos outros son sindicalistas encarcerados por defender os dereitos. É por iso que sabemos que se o Estado é capaz de impor a súa represión nun lugar, séntense con máis forza para reprimir noutro, sobre todo cando se ten intensificado a complicidade ideolóxica de certa esquerda política. Se a ofensiva represiva e o recorte de dereitos se consolida en Catalunya, acabarase normalizando tamén no resto do Estado, motivo polo cal debemos defender sen fisuras o dereito á folga e o fin da persecución de quen o exerceron o pasado outono en Catalunya.
Desde os sindicatos asinantes solidarizámonos coas persoas presas, exiliadas e perseguidas, tamén coas súas familias, seres queridos e compañeiras de organización. Exiximos a súa liberdade e o fin da súa persecución.
Hoxe, cando se achega o aniversario do 1 de Outubro as organizacións asinantes reafirmámonos no que xa diciamos hai un ano:
O dereito ao voto é un dereito fundamental para calquera sociedade que queira resolver democraticamente calquera conflito de forma xusta e participativa.
- O conflito político aberto entre Catalunya e o Estado Español só pode resolverse a través dun referendo onde o pobo catalán poida decidir libremente o seu futuro político.
- Foron as negativas continuas do Estado Español a iniciar un proceso que acabe nun referendo pactado en Catalunya as que obrigaron ao Parlament de Catalunya a convocar de forma unilateral un referendo de autodeterminación o 1 de outubro de 2017.
- En ningún caso pode ser a vía da prohibición, a represión ou a xudicialización a resposta que dea o Goberno do Estado Español aos desexos de liberdade do pobo catalán.
Como sindicatos somos conscientes de que a loita da clase traballadora de Catalunya polas liberdades é unha loita central para romper coa monarquía e os restos de franquismo que non foron eliminados durante a transición.
Comprometémonos a acompañar esta loita desde o noso territorio e nos centros de traballo.
A solución do conflito en Catalunya pasa só polo respecto á vontade do pobo catalán.
Barcelona, 10 de setembro de 2018