Cando parecía que a cuestión dos denominados “sen teito” (persoas sen fogar, algunhas das cales viven na rúa) estaba a solucionarse en Santiago, a Valedora do Pobo vén de despacharse cunhas declaración públicas radicais e agresivas, tanto contra as persoas que se atopan nese estado como contra o Goberno do Concello de Santiago, explica o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) A acción desenvolvida polo Concello, facilitar vivenda e acollemento e dispoñer de equipos de rúa para as persoas aludidas (suplindo así a carencia de equipos asistenciais do SERGAS) , non logrou modificar unha actitude da titular da Institución que se resume na frase posta na súa boca que reza “la solución a los sin techo será incapacitarlos y someterlos a un tratamiento”.
Así. E xa estaría todo resolto segundo a Valedora do Pobo pensa. Equipara a Valedora a unha persoa sen fogar cunha persoa sen capacidade de obrar e que polo tanto debe ser tutelada e ademais, segundo ela, debe ser tratada aínda que sexa contra a súa vontade. Someter é a palabra que se lle veu á boca. Como se aínda estivésemos no século XVIII.
Non se sabe que é máis chocante, se a simpleza e intolerancia da solución que se lle ocorreu ou que esta sexa defendida por quen ten entre os seus cometidos o de protexer os dereitos fundamentais das persoas que a ela acudan en amparo. Sustenta esta tremenda proposta na valoración que fai dunhas condutas que, ou ben parecen problemas de convivencia no espazo público, ou mesmo quizais delitos menores. En ambos os dous casos a incapacitación non acostuma a ser a solución, agás que a titular da Institución da Valedora do Pobo sexa coñecedora de motivos que aconsellen, para mellor protexer os dereitos desas persoas, proceder á súa incapacitación (xa que esa é a razón principal para esa actuación xudicial, e non outra).
Isto situaríaa ante o deber de iniciar, no mellor cumprimento da súa misión institucional, a acción de incapacitación poñendo en coñecemento do Ministerio Fiscal a existencia desa persoa necesitada de protección. ¿Por que reclamar al Concello aquilo que mellor pode facer a Valedora mesma e que nun certo sentido, se fose coñecedora dos motivos que di coñecer, estaría obrigada a facer? Noutros lugares, por outras figuras institucionais (algunha presidenta autonómica, por exemplo), xa se fixeron propostas como esta, tan elementais e desconsideradas cos dereitos das persoas. Pronto se retractaron e recoñeceron que na sociedade temos que caber todos, afortunados e desafortunados, ricos e pobres, sans e enfermos...
Non deixa de chamar a atención do MGSM que mentres se fan estas propostas se teña contestado pola Valedora á queixa formulada o pasado mes de abril , en relación coa tráxica morte dunha paciente psiquiátrica nunha residencia en Mondoñedo, na que chamaban á súa actuación ante a situación de enfermos psiquiátricos en réxime residencial en lugares inapropiados para o seu estado, cun escrito no que se deron por boas as explicacións xenéricas dos plans de actuación das Consellerías de Política Social e Sanidade respecto á “externalización” de pacientes psiquiátricos (explicacións remitidas previa insistencia e seis meses despois de exposta a queixa).
Actitudes como as que subxacen ás opinións da Valedora son compoñentes esenciais da estigmatización que sofren as persoas afectadas por trastornos mentais. Vencellar prexuizosamente condutas (xa sexan incívicas xa sexan dun gusto que non se corresponde co noso) con incapacidade para rexerse, só contribúe á maior marxinación dos xa mais débiles, á insolidariedade social, á rixidez na convivencia, á uniformización e ao agochamento daqueles que coa súa presenza nos recordan a sociedade imperfecta e inxusta na que vivimos. Son esas unhas actitudes opostas ás que debe ostentar alguén que ten como deber protexernos a todos e, sobre todo, aos máis fráxiles.