As mulleres cada vez máis e en moitas partes do mundo, estamos a saír ás rúas para loitar contra os ataques que os gobernos están a levar a cabo cara á clase traballadora e os sectores máis desfavorecidos desta. As mobilizacións contra todas as opresións, os feminicidios e outras formas de violencia machista, toman cada vez máis forza. Unha violencia contra as mulleres, as persoas imigrantes ou os sectores LGBTI, é apenas a expresión máis visíbel da violencia económica, política, social e policial, deste sistema capitalista.
Aquí no Estado español, nós tamén resistimos. Coas Marchas da Dignidade, coas Plataformas que se están organizando en defensa das pensións públicas, na loita pola educación pública, contra a violencia machista. Porque nós, as traballadoras, as xubiladas, as estudantes, as desempregadas, estamos a recibir os peores golpes das sucesivas reformas laborais, os recortes sociais, a privatización dos servizos públicos e o saqueio da hucha das pensións.
Seguen os feminicidios
Unha vez máis, comezamos o ano con 15 mulleres asasinadas por violencia machista, das que só dúas denunciaran. A peor cifra rexistrada desde o 2008. Unhas mortes que mostran en toda a súa crueza a falta de recursos materiais que teñen moitas mulleres para escapar desta violencia, a desconfianza nun sistema xudicial que segue infestado de estereotipos machistas e o fracaso dunha Lei insuficiente á que nunca e menos desde que estalou a crise, dotouse do orzamento necesario.
E seguimos á cabeza do paro, a precariedade e a pobreza.
Segundo datos da EPA, o desemprego feminino sitúase nun 20%, tres puntos por encima do dos homes.
Actualmente hai 2.624.500 traballadores/as a tempo parcial, a maioría de forma involuntaria. Unha cifra que creceu nunhas 400.000 persoas desde que comezou a crise. Delas, o 73%, son mulleres. O principal motivo que aducen é ter que encargarse do coidado de menores ou persoas dependentes ou outras responsabilidades familiares. E é que as mulleres nos vemos obrigadas a levar a cabo máis de dous terzos dos 144 millóns de horas diarias de traballo non pagado de alimentación, hixiene e coidado dos demais.
A brecha salarial entre homes e mulleres non deixou de crecer, chegando ao 24 % nos sectores máis feminizados. Case o 70% de quen cobran o salario mínimo son mulleres.
Como consecuencia de todo iso, a prestación contributiva que recibimos é de media de 703 euros, fronte aos 869 euros dos homes e as nosas pensións son un 31% máis baixas. Dous millóns de persoas perciben pensións de xubilación por baixo do limiar de pobreza, das que o 67,3%, son mulleres. Pensións miserables despois de traballar toda a vida.
A brecha nas prestacións de desemprego, así como a diferenza das nosas pensións, é a expresión do machismo social existente e de toda-las discriminacións que sufrimos as mulleres no mercado laboral.
A esta situación hai que sumar a das empregadas de fogar, que en moitos casos non están nin sequera dadas de alta na Seguridade Social e no caso das mulleres inmigrantes, ademais da precariedade laboral e o machismo teñen que enfrontar o racismo e a xenofobia que é promovido en primeiro lugar polas políticas do goberno central e autonómicos, ou desde moitos Concellos.
O exemplo da Revolución Rusa
Este 8 de Marzo ten un significado especial para Corrente Vermella, xa que se cumpren 100 anos da Revolución Rusa. Unha revolución obreira e popular que comezou precisamente coa iniciativa espontánea de miles de mulleres obreiras téxtiles, que se lanzaron á rúa en demanda de Paz, Pan e Terra.
Aquela foi unha revolución vitoriosa en que as mulleres conseguiron grandes avances. Unhas conquistas que lamentablemente foron destruídas polo estalinismo e hoxe, para a vergoña e humillación de todas as mulleres do mundo, na Rusia capitalista de Putin, se descriminaliza a violencia machista a mulleres e nenas/os.
Cando o sistema capitalista mostra toda a súa podremia e miles de mulleres saen á rúa en todo o mundo, alertamos de que non será posible conseguir ata o final nin un só dos dereitos que hoxe nos son negados unha e outra vez, sen enfrontar as medidas que banqueiros, empresarios e gobernos imperialistas ao seu servizo, veñen implementando. Trump é a expresión máis clara e elocuente de como a burguesía imperialista utiliza as opresións para dividir á clase, para poder descargar os seus plans de sobrexplotación ás mulleres e ao conxunto da clase obreira, para tentar facer saír á economía capitalista da súa profunda crise e recuperar a taxa de ganancia dese 1% privilexiado, que acapara a maioría das riquezas a nivel mundial.
Reivindicamos os ensinos da Revolución Rusa e o papel que as mulleres xogaron nela, non como un feito histórico que mirar con nostalxia do pasado, senón como un exemplo a seguir e unha referencia que necesitamos coñecer para a revolución socialista que hoxe, cen anos despois, é máis necesaria que nunca.
Pola unidade de todas as loitas!
A situación das mulleres traballadoras co novo/vello goberno do PP non vai mellorar, pois as raquíticas subidas do SMI en 50 euros, do 0,25% en pensións ou o lixeiro incremento no orzamento para educación, sanidade, protección contra violencia machista ou dependencia aprovados no seu día, non logran reverter o efeito dos recortes de anos anteriores. Iso sen contar con que coa "inestimable" axuda do PSOE, non dubidará en continuar pola senda dos recortes, as privatizacións e as reformas estruturais que sexan necesarias para cumprir coas esixencias da UE e o FMI.
É imprescindible enfrontar este goberno, inimigo da clase traballadora, ao que non é posible derrotar mediante unha oposición institucional conforme ás regras do xogo desde o parlamento, senón mediante a loita e a mobilización na rúa. Máis que nunca, as mulleres traballadoras necesitamos organizarnos xunto a nosa clase, combatendo o machismo en todos aqueles lugares onde participamos e construír en unidade con todas as organizacións sociais, políticas e sindicais de clase, así como co movemento estudantil, un 8 de Marzo unitario, de clase e combativo.
Hai que seguir rodeando de apoio e solidariedade a todas as mulleres que loitan polos seus dereitos como é o caso en Andalucía das xornaleiras de Agrícola Espino e Baena Franco, ás que se quere facer cómplices da fraude cometida polo empresario que as contratou. Ou a das traballadoras do 061, 112 e Saúde Responde, que sofren as consecuencias da privatización dun servizo tan imprescindible como é o servizo de emerxencias sanitarias. Ou a das Mulleres estibadoras do Estado que están a loitar de xeito conxunto cos seus compañeiros na loita contra o decreto que o goberno pretende imporlles para "liberalizar" o sector. E tantas otras.
Dende Corrente Vermella chamamos a participar a dar continuidade á mobilización despois do 8 M, participando na Folga Estudiantil e da Comunidade Educativa o 9 M, e na Manifestación do Persoal Precario da Xunta o 16 M em Compostela.
E o próximo 8 de Marzo, todas e todos á rúa para esixir:
---Emprego estable e salarios dignos! Derrogación de toda-las reformas laborais! A igual traballo, igual salario! Non á precariedade, EREs e ERTEs!
---Pensións públicas dignas a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado!
---Nin unha menos! Esiximos recursos suficientes para prevención, atención e protección inmediata de todas as mulleres e de toda forma de violencia machista.
---Orzamento para a Lei de Dependencia! Educación, sanidade e servizos públicos de calidade!
---Non ao pago da débeda!
---Aborto público, libre e gratuíto na Seguridade social
---STOP homofobia, lesbofobia, transfobia e discriminación por orientación sexual!
Secretaría estatal de Muller de Corrente Vermella