Publicidade

Diário Liberdade
Segunda, 19 Fevereiro 2018 14:51 Última modificação em Segunda, 19 Fevereiro 2018 14:54

8 de marzo, Día da Muller Traballadora: Loitemos para gañar

Avalie este item
(0 votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Roberto Laxe e Xulia Mirón


O 8 de marzo de 1917 segundo o calendario xuliano, 23 de febreiro segundo o vixente en Rusia dese ano, as mulleres do textil do barrio obreiro de Viborg en Petrogrado declaráronse en folga. Foi, ata hoxe, a folga de mulleres máis sonada da historia, pois foi o pistoletazo de saída da Revolución Rusa, que cambiaría o panorama mundial por máis dun século.

As mulleres rusas declaráronse en folga contra as consecuencias da I Guerra Mundial, por un aumento das racións mermadas pola profunda crise que vivía Rusia. Pero non se contentaron con simplemente protestar, con visibilizar a súa loita, senón, porque as súas esixencias eran do conxunto da clase obreira. Dirixíronse ás fábricas e centros de traballo maioritarios dos homes e chamáronos a apoiar a folga. O zarismo respondeu enviando ó exército para reprimilas, un exército maoritariamente campesiño que vista a forza da loita, renunciou á represión e os batallóns pasáronse ó campo da revolución que xa comezara.

"As traballadoras contribúen enormemente a forxalas relacións entre traballadores e soldados. Van ata os cordóns con máis audacia que os homes, agarran os rifles, rogan, case ordenan: "Baixade as baionetas, unídevos a nós". Os soldados están nerviosos, avergoñados, interambian miradas ansiosas, vacilan; alguén é o primeiro en decidirse e as baionetas érguense culpablemente sobre os hombros da multitude que avanza". (Leon Trotski, Historia da Revolución Rusa).

As mulleres traballadoras foron o motor e a vangarda dunha revolución que nove meses despois, provocarían os "dez días que estremeceron ó mundo". Toda unha lección da que aínda podemos e debemos aprender, e a primeira de todas, que asemella esquecida por todos e todas, que as loitas ou se dan para gañar, ou as gaña o inimigo de clase.

 Para este 8 de marzo, dende as organizacións feministas, convocouse unha folga mundial co obxectivo manifesto de "visibilizar" a opresión de xénero, das súas consecuencias, e demostrar perante o mundo, o papel da muller na sociedade. Namentres estas organizacións, que non se reivindican da clase obreira, empregan o principal método de loita da clase traballadora, a folga, as cúpulas sindicais, limítanse a dar cobertura legal á convocatoria.

O chamamento debe avergoñar a unhas organizacións que no seu seno teñen a decenas de miles de afiliadas, de tódolos sectores, dende a industria textil ate a conserva, dende a administración pública até o comercio, incapaces de poñer no centro as reivindicacións das traballadoras e menos, a empregar o mecanismo de loita de clase obreira, a folga, é dicir, na súa acepción histórica, parar a producción e a distribución de bens e servizos.

O papel das organizacións da clase obreira

A meirande parte das organizacións sindicais da clase obreira limítanse a dar cobertura a esta convocatoria, cando é máis que evidente que a alianza que dende as organizacións feministas quérese facer coa mulleres da pequena e mediana burguesía, non ten máis percorrido que o da esixencia dos dereitos democráticos para tódalas mulleres.

Atopámonos, de novo, coa pasividade das organizacións sindicais, que se limitan a dar cobertura á convocatoria da folga, sen ter a menor independencia para levantar as súas propostas. Limítanse a seguir a unhas organizacións que ven ás mulleres traballadoras coma un número máis dentro dun batiburrillo de clases sociais.

Non nos confundamos, as mulleres da pequena e mediana burguesía, as intelectuais e profesionais non teñen as mesmas necesidades e esixencias que as mulleres traballadoras. Incluso nun tema tan aparentemente transversal coma o aborto. O dereito ó aborto que existe no estado español, aínda non garantido plenamente dende a sanidade pública (obxección de conciencia sanitaria, etc) xa lle basta e esos sectores non obreiros. Teñen, a maioría, os recursos suficientes para pagalo ou, como sucede en moitas ocasións (Galiza, Navarra, Andalucía). Aos sectores non obreiros xa lles cega, posto que teñen recursos suficientes para costearse os traslados.

Polo contrario, ás mulleres traballadoras, que son as que máis sufriron na súa carne o retroceso nos dereitos laborais, en precariedade, en salarios, o recoñecemento formal dese dereito non lles basta, deberían seguir loitando non só pola legalización do aborto, senón por un aborto gratuito, na seguridade social.

Se isto sucede, cun dereito transversal, democrático, que non será cos dereitos á igualdade de salarios, á incorporación plena das mulleres traballadoras en total igualdade laboral cos seus compañeiros masculinos.

Pedirlle ás organizacións feministas que suplan o que as organizacións sindicais e da clase obreira deberían facer, non é a súa tarefa. A igualdade salarial, os dereitos laborais, a loita contra a precariedade e os baixos salarios, que afectan principalmente ás mulleres e, especialmente ás xóvenes, é unha tarefa que non podemos delegar en ninguén. Ou as organizacións obreiras, sindicais e políticas as colocan no centro das reivindicacións deste 8 de marzo, ou ninguén o vai facer.

A Folga, ferramenta de loita ou de propaganda

A meirande parte organizacións sindicais e políticas da clase obreira son incapaces de poñer no centro as reivindicacións das mulleres traballadoras, porque están derrotadas, renunciaron a pelexar por gañar fronte ó inimigo (como se demostra dende fai anos nas loitas que se dan) e ideolóxicamente están gañadas para as teorías da pos modernidade, do "fin da loita de clases", de desaparición da clase obreira. Calaron neles a socioloxía académica, que divide á sociedade, non en clases sociais, senón en sectores sociais transversais, unidos polas ideas e non polas necesidades comúns.

Isto exprésase no chamamento indistinto a una "folga feminista" ou unha "folga de mulleres". Non é o mesmo; unha "folga feminista" so a realizarían as mulleres que se definen "feministas", en tódalas súas perspectivas, que son unha minoría. Non existen as folgas "ideolóxicas", senón de sectores da clase; por iso, unha "folga de mulleres" é un concepto moito máis amplo, abarca cuantitativamente a máis do 50% da poboación. Unha folga de mulleres é un concepto moito máis amplio, abarca cuantitativamente a máis do 50% da poboación. Pero para as convocantes, na súa cabeza, como elas son feministas, consideran que a folga é feminista. É o individualismo elevado á enésima potencia. Confundir as ideas dunha persoa coas ideas de todo un sector social, as mulleres.

Centremos a discusión, para o 8 de marzo convocouse unha "folga de mulleres", que, segundo din na convocatoria, ten coma obxectivo demostrar que "se as mulleres paran, o mundo para".

Vaiamos por partes. Se as mulleres de Bershka en Pontevedra paran, as tendas de Inditex en Pontevedra paran; certo. E así o demostraron fai uns meses cando derrotaron ó xigante textil coa súa folga indefinida (¿onde estaban as feministas nesa folga de mulleres traballadoras?). Se as traballadoras do textil de Bangladesh paran, como fixeron fai uns anos, as fábricas de Inditex paran, certo. As mulleres poden parar unhas fábricas, uns comercios, pero non porque sexan mulleres, senón porque son traballadoras. A propietaria do 25% de Inditex é unha muller que difícilmente ten os mesmos intereses que as das fábricas, sexan en Arteixo ou en Bangladesh, ou das do comercio de Pontevedra.

A folga é unha ferramenta da clase traballadora que, desvirtúase só se é empregada para visibilizar unha problemática. Unha folga cuestiona o poder do empresario, imponlle que as súas traballadoras deixan de traballar, non cando él o di, senón cando elas o deciden; son dous dereitos, o do patrón a impoñer as súas condicións e o da clase traballadora para defenderse; e entre estes dous dereitos, xa se sabe que quen decide é á forza.

Por iso, unha folga ou se convoca para gañar, para derrotar ó inimigo; dito de outra maneira, non só para visibilizar o problema das mulleres ou da clase obreira, senón cun obxectivo, gañar un dereito e poñer en valor a forza da clase obreira fronte ó capital. Ou só conduce a retrocesos, pois a súa mala utilización desmoraliza e desmoviliza. Despois dirase, "as folgas non serven para nada", "perdo cartos", porque se desconta por día de folga, ou isto non o tiveron en conta as organizacións convocantes, que cada traballadora que ese día faga folga, vanllo descontar do salario.

Unha folga é algo moi serio para deixalo en mans de organizacións procedentes de outros sectores sociais que non teñen coma ferramente de loita a folga. Por iso falan da folga alegremente. Pero volvemos a que non lles podemos esixir o que é tarefa das organizacións obreiras, sindicais e políticas: organizar unha folga.

O papel dos homes na clase obreira

Isto introdúcenos noutro aspecto polémico, o papel dos homes da clase traballadora nesta folga.

Eiquí a precisión ten todo o sentido, porque as organizacións sindicais legalizaron a convocatoria de folga para o 8, uns de dúas horas, outros de 4 e algúns de 24 horas. Ben, esta legalización supón que calquera, sexa home ou muller, ese día está cuberto legalmente para ir á folga.

 

Ante este feito, as feministas contestan que é unha folga de mulleres, e por tanto, deixan ó marxe ós homes. Por que? Non é máis lóxico unir forzas para loitar contra a brecha salarial, as baixas pensións, a violencia machista, etc? Non é máis lóxico chamar a que se sumen activamente á folga, amosando o seu total apoio ás reivindicacións das súas compañeiras de clase? É un principio básico da solidariedade obreira.

 

Pero non, co seu chamamento piden ós homes que "substitúan" ás mulleres, o que traducido a efectos prácticos, están chamando a que os homes fagan de esquiroles na folga das mulleres. Ademáis, o chamamento a substituír ás mulleres faise extensivo aos coidades e ás tarefas domésticas. Parece que viven en outro mundo; fagamos un pequeno esforzo de imaxinación e, situémonos nunha familia da clase traballadora, onde dende fai séculos a división do traballo doméstico é unha relixión e ese día, a muller dille ao seu compañeiro, "hoxe fas ti as tarefas do fogar". ¿Cal pode ser a contestación na meirande parte dos casos? E isto é proposto sen dar o menor apoio organizativo a esas mulleres; porque nestos casos sería preciso un piquete para impoñerlle ao home o que se propoñen.

 Acaso pretenden que en un día cambie todo por arte de maxia? Os cambios realízanse ó longo do camiño, non nun só día.

 Un 8 de marzo de clase

 Isto condúcenos de cabeza á imprescindíbel necesidade de diferenciar entre clases sociais. Como vimos, nin tan sequera nun dereito tan transversal como é o do aborto os intereses das mulleres son comúns; se isto é así, que non será entre as traballadoras e as empresarias, Empregamos o xénero feminino, porque na pequena empresa, de servizos, teñen un papel importante, pero non só iso; a máxima representante do capital financieiro español, o BSCH é unha muller, Ana Botín.

 As reformas laborais de ZP e Rajoy significaron un trasvase de 37.000 millóns de euros dos petos da clase traballadora ó capital; e deste trasvase beneficiáronse dende Ana Botín ate a dona do bar da esquina, que ten contratada a unha traballadora inmigrante á que paga 600 euros por 12 horas de traballo. Galiza, por exemplo, ten as pensións máis baixas do estado, etre outras cousas, porque ten unha clase obreira altamente feminizada (téxtil, conserva, servizos, etc) e sectores autónomos tamén feminizados (marisqueo, redeiras, etc) e a famosa "brecha salarial" termina manifestándose nas pensións de xubilación.

 A "brecha salarial" da que M. Rajoy non quere falar é unha necesidade do capital para a "recuperación" da súa economía, por iso non quere falar dela!
Os beneficios empresariais recupéranse a base de baixar os salarios, de empeoralas condicións de traballo, cebándose sempre nos máis débiles, as mulleres, as inmigrantes, a xuventude e, ó final, chegar á clase obreira masculina.

A meirande parte das organizacións da clase obreira, sindicais e políticas renunciaron a loitar coherentemente contra ela. Os prexuizos de amplos sectores da clase obreira masculina son machistas, racistas, xenófobos, como anticataláns. E as cúpulas sindicais, en lugar de combatilos, de explicar que esos prexuízos só benefician ó capital, desmoralizan ós sectores máis febles, claudícanlles, pola vía de non loitar por poñer no centro da loita as esixencias das mulleres traballadoras.

Este 8 de marzo, despois de 10 anos de crise, onde tódolos indicadores da calidade de vida da clase obreira retrocederon, e dentro desa, as mulleres traballadoras foron as principais perdedoras, o eixo da folga debería ser ben claro:

CONTRA AS REFORMAS LABORAIS, A IGUAL TRABALLO IGUAL SALARIO, CONTRA AS PRIVATIZACIÓNS dos servizos públicos que só reforzan a opresión da muller, pois é sobre a que reacae o peso do traballo doméstico que o Estado destrue ou privatiza.

Ah! pero isto vai contra a "folga de mulleres" proposta polas organizacións feministas, porque os homes da clase traballadora tamén están afectados por esas reformas laborais, por esas privatizacións, por tanto deberían ser tamén suxeitos activos da mesma.

De outra maneira, claro está, ninguén nega a opresión da muller; pero a clase que se beneficia da explotación de ambos é a mesma, a clase capitalista (homes ou muhlleres), ás que a división entre homes e mulleres, nativos e inmigrantes, vellos e xóvenes, ben lles fai. Ou xa non se lembra a máxima de "divide e vencerás"?

Eles van vencendo porque tanto dende as organizacións feministas, como das cúpulas sindicais, admítese como natural esta división: unha folga só de mulleres contra un sistema, o capitalista, que actúa unido; a estratexia que prantexa as batallas desta maneira é unha lince, ou non quere gañar.

Derrotar a opresión da muller trabaladora vai máis aló de "visibilizar"

A opresión da muller ten un calado de gran calibre, porque a muller traballadora ten que romper dúas barreiras, a explotación como clase e a opresión como sexo; por iso cando o fan, van a por todas, como fixeron as traballadoras do textil ruso. Cando saíron á loita organizaron unha revolución. Por certo, non foi o primeiro caso, na revolución francesa, a burguesa, foron as mulleres pobres parisinas as que encabezaron o asalto a Versalles cando se enteraron de que se estaba a facer acopio de armas no palacio real.

As súas reivindicacións como clase e comao sector social non teñen cabida dentro deste sistema capitalista, dos seus reximes, e convirten as súas loitas en verdadeiros terremotos sociais; por iso, facer unha folga para "visibilizar" unha situación social é rebaixar a profundidade da loita que é preciso desenvolver. Este 8 de marzo debe ser o comezo dunha loita sostida no tempo, dende os centros de traballo e estudo, cun carácter abertamente político, contra un goberno que se limita a dicir "non toquemos o tema". Non queren nin entrar, porque se podería abrir a caixa de Pandora.

As mulleres traballadoras, como parte fundamental da clase obreira, non teñen os mesmos intereses que as mulleres da burguesía, nin nas reivindicacións democráticas, como vimos no caso do aborto, nin menos que menos, nas condicións laborais; e iso ten que manifestarse non só este 8 de marzo. Senón nas loitas que están por vir.

O seu aliado natural son os homes da clase obreira, pois as súas condicións de vida dependen do mesmo, o salario. Tanto a muller traballadora coma o home traballador, sen salario non son nada, son carne de desfiuzamento, da eufemística "pobreza enerxética" (que non é outra cousa que pobreza pura e simple), de emigración, etc. Pero non vamos ocultar a realidade de que os homes da clase obreira son parte dun sector dominante, como sexo, que se expresa no machismo; contra o que hai que loitar con tódolos medios, e nesta loita as organizacións da clase obreira, sindicais e políticas teñen moito que dicir.

Non poden deixar en mans de ninguén a erradicación das súas filas dos comportamentos machistas, que como o racismo, o anticatalanismo, son lacras que dividen a clase obreira: non vale ollar para outro lado, apoiar unha "folga de mulleres" e quedarse tan contento. Combatir o machismo nas filas da clase obreira é fundamental para construila unidade, superar as máis que lóxicas desconfianzas das mulleres respecto ós seus compañeiros e presentala batalla unida contra o mesmo sistema que se beneficia da explotación de todas e todos, e da opresión das mulleres.

O 8 de marzo no réxime do 78: o nacional catolicismo

Ainda que o machismo é mundial, non hai sociedade que escape a el, no estado español ten unhas características especiais, ó non terse producido a separación igrexa-estado que si se produciu noutros estados, posto que a igrexa católica é unha das grandes "reservas ideolóxicas" e materiais dese machismo: o poder da Igrexa é ben concreto. No estado español esa reserva ten un nome: "Nacional Catolicismo".

A Transición e o rexime que xurde dela non só trae consigo as institucións do franquismo, como a Xefatura do Estado, xudicatura ou o exército, senón tamén esa relación coa igrexa e a ideoloxía que a sostén, o nacional catolicismo, que ten un perfil especialmente machista, expresado nunhas atitudes que dende as institucións que, se non fose porque son brutais, producirían vergoña allea.

Dende as afirmacions de M. Rajoy sobre a "brecha salarial", as declaracións de xuíces sobre as "provocacións" das mulleres, até as sentencias xudiciais para violadores e pederastas, amosan que para a muller, a Transición tampouco foi nada do outro mundo. Cambiáronse, con dificultades, algunhas leis (divorcio, aborto), derogáronse algunhas que eran directamente medievais coma o dereito de coreción do home sobre a muller, vixente ate mediados dos 70, cando tamén se modificou o Código Civil, posto que nel prohibíase á muller poder adquirir bens sen o consentimento do marido.

Ao manterse as institucións básicas do franquismo que se apoiaran nesa lexislación retrógada, como o poder xudicial e a Igrexa, o trasfondo político e ideolóxico que movía esas normas non cambiou; e agora asistimos a un revival de atitudes, en paralelo ao recorte das liberdades democráticas.

A loita contra o recorte de liberdades como a lei mordaza, non é allea a este ataque ós dereitos das mulleres, dende a xudicatura a outras institucións do estado, máis aló de medidas cosméticas como as concentracións institucionais cada vez que unha muller é asasinada. Son parte da mesma loita contra un rexime que deixou intactas as esencias dos 40 anos de franquismo .

A ESIXENCIA DE DEPURACIÓN DAS INSTITUCIÓNS, COMEZANDO POLA XUDICATURA, DE ELEMENTOS MACHISTAS, debe ser unhas das reivindicacións fundamentais deste 8 de marzo.

As mulleres traballadoras sofren nas súas carnes non só a opresión como xénero, senón a explotación como clase, polo que concentran como ninguén tódolos males da sociedade capitalista. As organizacións obreiras, sindicais e políticas non poden ser a retagarda desta loita, senón que deben poñerse ó frente da organización e da loita.

O 8 de marzo debe recoller estas esixencias laborais e políticas das mulleres traballadoras, e como fixeron as rusas do téxtil en 1917, chamar ó conxunto da clase obreira a unirse na súa loita; o 8 de marzo debe ser, non un día para "visibilizar" unha situación máis que evidente, senón de loita da clase obreira, coas mulleres traballadoras á fronte, contra o goberno e o réxime que é o sostén institucional da explotación e opresión que sofremos.

Galiza, 9 de febrero de 2017

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar