Publicidade

Diário Liberdade
Domingo, 02 Dezembro 2018 19:28

O 1 de Decembro e a crise do rexime

Avalie este item
(0 votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

`[Roberto Laxe] Achégase o 1 de Decembro, e a moitas persoas, sobre todo os máis novos, non lles dirá gran cousa esa data. Pero non fai tanto -non é historia, senón presente, como logo veremos!-, no 2002, centos de miles de persoas ocuparon as rúas de Compostela, baixo o berro de Nunca Máis!; nun dos procesos de revolta social máis importante dos últimos anos.


Porque foi iso, unha revolta social que non voltaría a se repetir no Estado Español até o 1 / 3 de Outubro do ano pasado en Catalunya. Despois de 15 días de peregrinaxe do petroleiro Prestige polas costas galegas, deixando un regueiro de petroleo, o pobo galego dixo BASTA, e o 1D todos e todas a Compostela.
O goberno do PP, o de Aznar, daquela foi o responsable direto de que un acidente habitual nas costas galegas, un barco con problemas, convertésese nun acontecemento político de primeira orde que deu a volta ao mundo. A bandeira de Nunca Mais, que é a galega tinguida de negro, deu a volta ao mundo, desde Canadá até os pobos de Castela a Mancha.

Foi a mestura de incompetencia dun goberno que agora sabemos, era a nai de todas as corrupcións, co desprezo histórico do estado español polo pobo galego, o que provocou que un accidente se convertese nun atentado político contra un sector central na economía galega -pero non a española, e aquí comezan os problemas-, a pesca e o marisqueo.

Para a mentalidade centralista madrileña, o peixe e o marisco que chega ás súas mesas debe ir voando desde o mar até os mercados; porque cando veñen de turismo aquí miran ás rederas como obxectos de fotografía -nun porto, o de Lorbé (Oleiros), tiveron que pór un cartel dicindo: "estamos a traballar, non fagan fotos"-, ou os portos como zonas de paseo, cando son zonas industriais onde se produce e traballa... Ninguén vai pasear ás fábricas e os polígonos industriais; pois iso e non outra cousa son os portos.

Ese desprezo por un sector produtivo central, o mar, únese ao ancestral desprezo do estado polo pobo galego; ese que é considerado como sumiso e carne de emigración -non esquezamos que Galiza no primeiro censo de poboación do século XX tiña tres veces máis poboación que Madrid, e hoxe ten escasamente a metade-.

Un pobo que historicamente foi considerado como atrasado, como ía ter razón fronte ás mentes preclaras do PP e da corte de Madrid, con cipayos á fronte (o ínclito sr dos Hilillos, Rajoy). Se eles dicían que enviando o petroleiro había que envialo ao "quinto piñeiro" (Alvarez Cascos dixit), e que non había marea negra" (Rajoy dixit), como se atrevían as mariscadoras e os mariñeiros de Arousa a contradicirlles. Se eles dicían que non había marea negra, non a había: e punto.
O que ocultaba esa incompetencia, berro masivo en NM, era a inexistencia en Galiza dunha política fronte aos accidentes marítimos recorrentes. A Ria da Coruña ten a dubidosa honra de sufrir dúas dos 10 accidentes máis graves de petroleiros... de todo o mundo!; unha ría concentra o 20% dos accidentes de petroleiros: o Urquiola, que explotou no medio da ría, e o Mar Exeo, que encallou na súa entrada.

Pero non só iso, a ria de Vigo sufriu o Policommander, Fisterra o Casón e a súa mercadoría explosiva, que provocou a desbandada de miles de habitantes da zona.
Galiza non contaba, nin conta aínda, con remolcadores de altura con forza suficiente para mover os moles dos petroleiros e os grandes buques que pasan polo corredor de Fisterra; o que ten máis tráfico do mundo; cando o Prestige, o máis próximo trasladárao poucos meses antes a Xixón. As barreiras oceánicas que impedisen a entrada do chapapote nas rías, viñeron de Zaragoza. E así sucesivamente.

Contra este desprezo e marxinación foi que o pobo galego dixo "NUNCA MÁIS". Non foi unha reacción contra un atentado ecolóxico, que se; tivo unha profundidade de máis calado, foi o cuestionamiento de toda a estrutura do estado. Un estado cuxas institucións desapareceron cando llas necesitaban, o que provocou que os traballadores e traballadoras do mar, os estudantes das universidades e institutos, a veciñanza,... se autoorganizara para combater o chapapote.
O 1D, e todas as mobilizacións que a seguiron até a histórica Marcha a Madrid do 23 F, cando máis de 120 mil galegos e galegas, contra vento e marea, tomaron as rúas da capital do "imperio", foi a reacción do pobo galego que, desgraciadamente, non atopou un vehículo político claro.

Pódese afirmar con rotundidade que o sucedido entre o 1 de decembro do 2002 e o 23 F do 2003, Galiza viviu unha revolta social que non se transformou nun proceso abertamente soberanista porque as forzas que o dirixiron, encamiñaron todos os esforzos sociais na vía electoral. A potencia demostrada entre no 1D e o 23 F foi posta ao servizo do proxecto electoral dunha forza que se negou rotundamente a pór o centro a loita contra o réxime que causou a indefensión do pobo galego fronte ao chapapote.

Se Galiza non tiña nin medios nin capacidade de decisión fronte uns accidentes recorrentes, desde o Policommander até o Prestige, pasando polo Urquiola, Cason, Mar Exeo, etc., non é por unha maldición divina, senón pola política consciente dun Estado que considera a Galiza o seu "marisquería", e ao seu pobo, forza de traballo barata carne de emigración. Aquí é onde había que pór todas as forzas; e non en tentar desviar toda a forza social da rúa no voto a unha forza política, que en longo prazo só xerou decepción.

A desaparición do estado ante o accidente do Prestige tiña que resolverse, non chamando a "esixir ao Estado que cumprise con Galiza", como se fixo ao final desde NM, que escondía o "votame" para arranxar os problemas; senón a substituír ao estado, autoorganizando á poboación traballadora, abrindo unha loita consciente pola soberanía nacional que conquistase, entre outras, a capacidade de decisión de Galiza ante os accidentes recorrentes nas súas costas.
A orientación final da Plataforma Nunca Mais na vía da "esixencia" e non no da "soberanía nacional", está no fondo da derrota tan profunda que sufriu o pobo galego no que foi, unha das súas grandes loitas contra un Estado que a día de hoxe segue mantendo esa relación de opresión.

O paso do Bipartito pola Xunta só viño a ratificar esa derrota, cando acepta de bo grado que se peche sen responsabilidades a Comisión de Investigación do accidente. Tan cómplices foron do PP con ese peche, que uno dos principais responsables do atentado do Prestige, o sr Rajoy converteuse en presidente do goberno, e baixo o seu mandato foron destruídas moitas das conquistas sociais en sanidade, educación, dereitos laborais e dereitos políticos.

A derrota do pobo galego ante o proceso de Nunca Mais, achandou a chegada do PP ao goberno, posto que lle permitiu irse de rositas ante un atentado que provocara coa súa política. Se o Bipartito tivese a metade de dignidade que o pobo galego demostrase o 1 D, outro galo cantaríanos.

Non foi así, e debemos aprender do pasado para non cometer os mesmos erros; e o fundamental é que unha crise política e social do calibre da xerada polo Prestige, como a que de maneira aumentada provocou o Proces Catalán tras o 1/3 de outubro, non se pode desviar ao pantano das eleccións e o "fair play" seudo democrático.

O 1D o estado desapareceu en Galiza, e xurdiu o pobo traballador organizado en Nunca Mais, nos comités de crises, na Plataforma contra a Burla Negra, etc.; tres meses despois de loita foi derrotado, e tras o interregno decepcionante do Bipartito, o estado reafirmouse en Galiza a través de Feijoo e novamente o PP, ao que o Bipartito salvara a cara das súas responsabilidades ante o atentado.

Agora atopámonos, tras a crise do 1 e 3 de Outubro de Catalunya, ante unha nova oportunidade; unha crise social e política corrixida e aumentada. O pobo galego adiantouse á crise do réxime, imaxinemos un Nunca Mais co réxime do 78 como está agora; porque agora non só é un pobo, o galego, o catalán ou o vasco, o que enfronta ao réxime, é a maioría da poboación española (o 60% está pola reforma da constitución e o 50% por un referendo sobre o tipo de estado).

Aprender dos erros ten unha consecuencia fundamental que a esquerda galega, nacionalista ou non, non vai sacou: non limitar as respostas a unha crise social a un proceso electoral. Tras o 1D todo reconduciuse ás eleccións, ao "votame", e acabou como acabou. Agora, de novo, asistimos á versión actual do "votame", sexa BNG ou En Marea, ou Podemos, ou como se chame.

A crise do réxime, da que NM foi un dos seus comezos, ten un calibre do que ningún proceso electoral, desde o municipio máis pequeno até as Eleccións Europeas, pode escapar: non existen burbullas "locais". Calquera medida, desde contratación de máis persoal até obras de infraestruturas, están atravesadas polos recortes impostos desde o goberno central e a UE: son como un Prestige dirixido polo Sr dos Hilillos. Non falar destes recortes, converte calquera alternativa por moito do "cambio" que diga ser, nun mero xestor da miseria e deses recortes, dando por bo a propaganda do sistema: "vedes, todos son iguais". E terían razón, pois nos feitos, todos fan o mesmo, recortar; a diferenza é uns o fan de mala gana, os do "cambio", e outros porque lles vai na esencia.

O 1D o pobo galego tomo un camiño, o da dignidade na loita na rúa; ante a crise do mesmo réxime que provocase o 1D, debe retomar o mesmo camiño e esquecerse dos cantos de sirena do ¨votame" para arranxar os problemas que só se poden resolver rompendo abertamente con ese réxime.

Galiza, 29 de novembro do 2018
Roberto Laxe

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar