O pasado día 4 de xuño celebrouse en Xenebra unha nova reunión da Comisión Executiva da Confederación Sindical de Países en Lingua Portuguesa (CSPLP), da que a CIG forma parte, aproveitando a presenza de moitas das organizacións integrantes na Conferencia Internacional da OIT que se celebrou estes días.
O tema central da reunión foi a organización do vindeiro congreso da CSPLP. En anteriores reunións acordárase facer o congreso no Brasil, precisamente para fortalecer a solidariedade coa situación política que atravesa o país dende hai tempo, agora agravada coa entrada de Lula no cárcere, o contexto actual e a falla de financiamento por causa da nova Lei Trabalhista, que recorta o financiamento ás organizacións sindicais. Este conxunto de circunstancias imposibilita que se poida levar a cabo o congreso no Brasil, polo que cumpría buscar outra alternativa.
Así as cousas, as organizacións sindicais de Cabo Verde propuxeron celebralo no seu país. Presentan un estudio económico de infraestrutura e hoteis e todos os requisitos para poder desenvolvelo con garantías. Trataríase, asemade, de seguir o criterio marcado nos estatutos de reunirse onde se encontran os xefes de estado da CPLP. "Xa tivemos que facer unha excepcións nos últimos congresos, que non se puideron facer en Timor Leste (por incapacidade económica) nin no Brasil (polo golpe que sacou a Dilma da presidencia do país)", apunta Xosé Lois Rivera, responsábel de Relacións Internacionais da CIG.
Os vindeiros días 18 e 19 de xullo terá lugar a reunión dos xefes de estado en Cabo Verde. Esas datas están moi próximas e sería complicado poder organizalo todo, pero barállase facelas despois do verán. Logo de debate acordouse celebrar o 8º Congreso da CSPLP en Cabo Verde, na cidade da Praia, da Illa de Santiago, os días 15 e 16 de novembro deste ano.
Dado que hai novas solicitudes de afiliación pendentes, a Comisión Executiva debe propor esas novas afiliacións ao congreso. Procede pois facer o acordo para a Nova Central Sindical do Brasil e levala ao Congreso, para a súa aprobación.
Acordouse tamén que o CSPLP subscribiría a intervención dalgunhas organizacións sindicais, entre elas a CIG, sobre o caso do Brasil na Comisión de Normas da 107º Conferencia Internacional do Traballo, por incumprimento do Convenio número 98 da OIT, que fai referencia aos dereitos sindicais e negociación colectiva, que sería exposta por Augusto Praça, da CGTP de Portugal.