O concello de Arteixo ten cuberto o seu servizo de extinción de incendios polo Consorcio dependente da Deputación da Coruña, ata o de agora de xestión privada. O persoal destes parques comarcais de xestión indirecta de toda Galicia atópanse en folga dende fai mais de dous anos, motivada principalmente polo incumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia por parte da administración autonómica.
A pesares diso, e como xa aconteceu no verán pasado debido á vaga de lumes forestais, ante as reducidas plantillas que sofren e que vimos demandando dende hai moito tempo, e aínda estando en folga, acudiron mobilizados por iniciativa propia bombeiros dos parques de Arteixo, Carballo e Betanzos que non estaban de quenda a cubrir o servizo para non deixar sen atender outras posibles incidencias que lle puideran xurdir ó resto da poboación por estar as gardas ocupadas neste sinistro.
Unha vez mais, a iniciativa e boa fe do colectivo, unido á mobilización de medios alleos como o parque de bombeiros público de a Coruña ou Repsol, permitiron cubrir as eivas que o actual modelo de emerxencias de Galicia presenta e que o colectivo leva anos denunciando.
Por iso queren volver deixar constancia de que é a dedicación e vocación do colectivo a que día a día salva as situacións, pero que iso non debera servir de escusa aos responsables políticos para deixar de cumprir coas súas obrigas, entre elas o a Lei de Emerxencias.
"Esperamos poder ver pronto que a Deputación da Coruña dea os pasos prometidos cara á recuperación da xestión pública do servizo, para poder achegarnos a un modelo xusto e igualitario de servizo público para os cidadáns. E seguiremos loitando contra o inmobilismo da Xunta de Galicia no referente á elaboración do Regulamento de Bombeiros de Galicia requirido pola lei de Emerxencias", din na Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia (MIBG).