Neste tempo, e tras terse reunido coa Dirección Xeral de Emerxencias en representación da Xunta e da Consellería correspondente, as Deputacións que se mostraban favorables ao cambio comprometéranse a realizar os estudos económicos e xurídicos precisos para analizar a viabilidade e as posibles vías para acometer dito cambio.
Tras varios meses sen confirmación oficial do resultado de tales estudos, e sabedores da convocatoria previa dunha reunión coa Dirección Xeral de Emerxencias, voltamos a insistir na necesidade de sentarnos e analizar a situación actual e o avance do proceso, petición á que dende a Deputación respostaron desta vez con celeridade.
En resumo, da reunión mantida a MIBG conclúe "que dende o Goberno da Deputación seguen comprometidos con buscar viabilidade á asunción da xestión directa. Do que puideron transmitirnos dos estudos que manexan, e sobre os que aínda están a traballar, confiamos en que dean pasos nas vindeiras datas, e obtivemos o seu compromiso de comunicarnos cada avance e convocarnos cantas veces sexa preciso para analizar e traballar de cara á implantación dun modelo netamente público e que, aproveitando racionalmente os recursos, permita un mellor servizo á cidadanía".