O recurso de reposición, preparado polos servizos xurídicos do sindicato, susténtase sobre dous puntos fundamentais: a ausencia dunha relación dos requisitos para a obtención das prazas (pois eses requisitos establécense unha vez coñecido quen son os/as candidatos/as, o que introduce un claro elemento de discrecionalidade) e a ausencia de prazos claros para a publicación dos currículum dos membros do tribunal, como elemento que garanta a transparencia e seguridade xurídica do proceso.
O marco normativo constitucional aplicable establece que nos concursos de profesorado quedará garantida a igualdade de oportunidades dos/as aspirantes a través dos principios de mérito e capacidade e do principio de igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres. Ademais, establece de forma expresa, como medio para garantir eses principios, que as convocatorias deberán conter os criterios para a adxudicación de prazas previamente á presentación dos/as candidatos/as.
Acontece, porén, que a convocatoria do concurso de profesorado da Universidade de Vigo limítase a expoñer o desenvolvemento do procedemento de selección de aspirantes e os requisitos xerais dos mesmos, que non son vinculantes para as comisións de selección, o que imposibilita aos aspirantes coñecer previamente, como indica a lei, os criterios de selección adoptados pola comisión.
Dado que os principios de mérito e capacidade son os únicos parámetros que dotan de contido o principio de igualdade no acceso á función pública, a relación de méritos non pode ter apariencia meramente formal e a convocatoria debe prever os méritos obxecto de valoración no procedemento.
O STEG defendeu e defende o acceso á función pública docente cumprindo os dereitos fundamentais establecidos na Constitución, baseados sempre en méritos, para limitar o sistema actual de recrutamento clientelar. Para que a lei se cumpra, na convocatoria das prazas ten que estar incluído un baremo detallado e específico para os distintos méritos co que a comisión avaliará os/as candidatos/as, evitando así que ese baremo se faga “a posteriori”, cando xa seten constancia de que candidatos/as se van presentar.
Con este recurso, o STEG quere evitar que a selección do profesorado sexa discrecional, protexendo os principios de igualdade, mérito e capacidade, e respectando os de imparcialidade, profesionalidade, obxectividade e transparencia. Por iso o recurso diríxese a conseguir unha nova convocatoria na que se inclúan claramente os criterios para a adxudicación das prazas a través de regras obxectivas e se delimite o prazo para facer públicos os currícula das persoas integrantes das comisións de selección.
STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza
25 de xaneiro de 2017