A Casa-Museo do poeta chairego aposta por ofrecer unha programación cultural estábel ao longo de todo o ano e orientada a diferentes formatos culturais e todos os tipos de públicos
Outeiro de Rei, 11/02/2017.- O auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei acollerá o vindeiro venres 17 de febreiro ás 20.30 horas o espectáculo de ALDAOLADO titulado Pendanca e oso. Poesía, música e humor son os eixos sobre os que xira esta proposta, cuxa temática é o amor.
ALDAOLADO é un proxecto formado polas poetas Lucía Aldao e María Lado onde se entremesturan a poesía, o humor e a música a partes iguais nunha posta en escena cargada de orixinalidade e espontaneidade.
En palabras das creadoras e protagonistas desta proposta, o espectáculo que o vindeiro día 17 se poderá ver en Outeiro de Rei é “unha narración das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, da que xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras.” Os poemas que ALDAOLADO recitarán neste espectáculo “xorden precisamente dese caldo de cultivo, póndolle moita música e moito humor ao amor máis romántico e ao amor máis miserábel”. Se houbese que definir brevemente o que é Pendanca e oso sería así: “dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade”.
O prezo da entrada para este espectáculo é de 5 €. Os billetes pódense reservar desde xa mesmo a través do correo electrónico Este endereço de email está sendo protegido de spambots. Você precisa do JavaScript ativado para vê-lo. ou do teléfono 698 177 621, sendo esta a opción que a Casa-Museo recomenda tendo en conta o aforo limitado do auditorio. As entradas retiraranse desde 1 hora e até 10 minutos antes do inicio da función na mesma Casa-Museo. Poranse á venda nese momento as entradas sobrantes, se as houber, até completar o aforo dispoñíbel.
A Casa-Museo Manuel María, emprazada na que foi casa natal do poeta chairego, aposta por ofrecer ao longo de todo o ano unha programación cultural propia adaptada a distintos públicos e orientada a diferentes formatos artísticos e culturais. A Casa prepara xa unha nova proposta para comezos do vindeiro mes de marzo, dirixida especialmente neste caso a público infantil e familiar.