Dende a MIB queren denunciar certas irregularidades das que estamos a ser informados por parte de moitos dos aspirantes, que mostran a súa indignación sobre o desenvolvemento do proceso, con probas a porta fechada a onde só poden acceder participantes, tempos adulterados, exclusións de determinados concursantes sen causas xustificadas, etc...
Isto ven a ratificar as nosas sospeitas ante dito proceso xa rodeado de certo escurantismo dende o comezo, cando se nos advertiu que certas persoas relacionadas co entorno político da Deputación de Ourense, Novas Xeracións e incluso con relacións familiares co entorno da empresa concorrerían ás probas.
Para máis agravio, de cara a transmitir a ilusión de transparencia, a empresa Veicar invitou ós sindicatos a ser cómplices en dito proceso, algo que rexeitaron radicalmente.
"Queremos lembrar que xa en seleccións pasadas para o CCIS de Lugo se manifestaron queixas ante o Valedor do Pobo por parte de opositores, tras o que se iniciou un expediente de queixa deste organismo ante o Consorcio, ao que este respondeu: «..... Se realizarán todas as actuacións precisas e oportunas para dar satisfacción á súa recomendación....»", din da MIBG.
Na MIBG están seguros de que todos estes problemas derivan directamente da privatización do sistema, o que ven a vulnerar flagrantemente os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade que serían esixibles nunha convocatoria dun servizo público, contribuíndo ao desprestixio da nosa profesión e á merma da súa calidade. Por isto instan ás autoridades competentes a evitar deixar a prestación de servizos esenciais en mans privadas, e a efectuar a pertinente vixilancia da execución e desenvolvemento do proceso no caso que nos ocupa.