ADEGA ten probas de que a loba que aparece no video tería sido abatida semanas atrás nos montes de Cotobade, precisamente no mesmo lugar para que este domingo 12 de febreiro a Consellaría de Medio Ambiente autorizou unha nova batida. Trátase do terceiro "control poboacional" nos últimos 4 meses, nos que oficialmente non se tería abatido ningún lobo. De feito esta nova batida xustificouse polos resultados negativos das anteriores.
Mais esta e outras probas coas que conta ADEGA, que xa puxemos en coñecemento do SEPRONA de Pontevedra e engadiremos á denuncia presentada diante da Fiscalía do TSXG, demostrarían que con esa loba morta ilegalmente, altéranse gravemente as condicións xustificativas da autorización do último "control" concedido pola Xunta.
ADEGA tiña solicitado a suspensión desta última batida diante da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (antes Conservación da Natureza) ao ter constancia de que a administración dispuña desta información e había tempo suficiente para anular o permiso. Lamentabelmente, a batida celebrouse, feito que outra volta proba o desleixo e a actuación irregular da administración, que podería estar incorrendo nun delicto de prevaricación.
Precisamente esta é a razón pola que ADEGA vén de denunciar ante a Fiscalía as autorizacións discrecionais de cacerías de lobos por parte da Xunta, e este novo caso engádese aos escándalos (Friol, Barbanza...) arredor deste tipo de autorizacións fraudulentas, eufemísticamente chamadas "controis" e que só perseguen o exterminio total do lobo.