O pasado mes de novembro o conflito Sirio achegouse a nós, coa arribada o porto de Marín dun buque mercante con tripulantes sirios que pediron asilo no estado español. Unha consecuencia máis desta guerra provocada que levou a miles de persoas a buscar refuxio e unha vida mellor en Europa, dando lugar a grandes mostras de solidariedade por parte de persoas e organizacións. Máis, tamén deixando en evidencia a actitude de moitos gobernos, e da propia Unión Europea, que enchen de muros e valados as fronteiras para impedir o paso destas persoas.
Estamos ante un conflito, que traspasa os limites deste país e ten implicacións internacionais con múltiples actores, sobre o que pretendemos achegar outra visión alén do que os medios convencionais contan.
Estase desenvolvendo unha guerra polo control dunha zona con grandes reservas de gas natural e outros recursos, colocada estratexicamente no mapa e histórico lugar de paso de persoas e mercadorías. Unha guerra que provocou miles de mortos e desprazados, así como unha campaña de manipulación informativa impresionante onde a verdade dos feitos pouco importa. Como aconteceu en anteriores conflitos, como no Iraq ou Libia, ondeo goberno dos Estados Unidos e os seus aliados tentaron manipular a opinión pública para xustificar as súas intervencións.
Mar de Lumes convida a asistir e a participar neste acto onde achegarán unha visión distinta e máis acaida á realidade sobre o acontecer na Siria, tentando clarificar como se chegou a esta situación e quen son os principais actores do conflito.