O vindeiro sábado 4 de marzo ás 18 horas no auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei o actor Fran Rei representará o seu espectáculo "O conto de Barriga Verde", escrito por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María (Barriga Verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela). A dirección escénica da montaxe é de Tereixa Campo.
Este espectáculo, que xa leva arredor de cincuenta representacións, conta a historia de Fiz, un mozo labrego galego, que terá que se enfrontar ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno ao mesmo tempo demostrarán que nada é máis forte que o amor verdadeiro.
“O conto de Barriga Verde” dura pouco menos de unha hora e está dirixido especialmente a público infantil e familiar. O prezo do billete é de 2 euros e pódense facer xa reservas a través do enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.
Esta actividade é programada pola Casa-Museo Manuel María, a ANPA do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e a ANPA do CEIP Otero Pedrayo de Rábade e conta coa colaboración da Deputación de Lugo.