Agora, aínda por riba, a Xunta vén de reducir case á metade a axuda económica ás mulleres que van practicar estes abortos a Madrid, interrupcións nos embarazos de máis de 14 semanas, provocados por risco na saúde da nai ou malformacións no feto. Tal e como adiantou Praza, o prezo pagado por quilómetro descende dos 18 aos 12 céntimos, non se abonan as peaxes nin se facilita un bono de tren con acceso a coche cama coma antes e, en todos os casos, as mulleres deben adiantar os cartos. Ademais, tampouco se paga a hospedaxe no caso de ter que pernoctar en Madrid nin os gastos extras nin os do acompañante. Malia todo, a opción da clínica Isadora -experta nestes casos e coa que a Xunta ten convenio asinado- é a escollida.
"Ningunha muller quixo ser atendida no CHUAC desde que se fixeron públicas as denuncias", advirte o COF
"Desde que se fixeron as denuncias e saíron á luz pública os testemuños de afectadas polas eivas nos abortos terapéuticos no CHUAC, ningunha muller quere ser atendida alí; todas as que atendemos escolleron viaxar a Madrid", explica Chus Díaz, psicóloga clínica do Centro de Orientación Familiar (COF) da Coruña, que coñece de primeira man os casos ao ser este centro paso obrigado de quen ten que afrontar a interrupción do embarazo. "Nós sempre lles explicamos as dúas opcións e as posibles carencias que podían sufrir na área sanitaria da Coruña, pero non son o mesmo as advertencias que escoitar de primeira man os casos", insiste quen asegura que son moitas as persoas que aluden ao relato feito na prensa por unha doutora que tamén sufriu problemas. "Pensan que se iso lle pasa a unha profesional médica, que non lles pasará a elas", explica.
"A solución é doada: contratar persoal e garantir sempre a presenza dunha matrona coas mulleres que teñen que abortar"
"Se a matrona pode atendelas, está encantadas, pero se non está...", insiste Díaz, que lembra que a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) e varios profesionais xa se lle advertiron ao Sergas que "a solución era doada: contratar persoal e garantir sempre a presenza dunha matrona coas mulleres que teñen que afrontar estes abortos terapéuticos". Nas varias denuncias recollidas pola PGDA acusábase ao centro sanitario de non garantir a asistencia necesaria do persoal médico axeitado ou que mesmo as pacientes debían expulsar o feto en solitario nun baño.
A gravidade das acusacións levou á Consellería de Sanidade a recoñecer que as condicións non eran sempre as "óptimas", pero un mes despois negou que houbese eivas e insistiu en que se seguía un protocolo axeitado. Ademais, abriu unha investigación da que aínda non hai noticias pero mantén o mesmo protocolo sanitario criticado por diferentes profesionais e que non conta coas garantías que si se ofrecen en clínicas privadas a 600 quilómetros. De feito, nas provincias de Ourense e Lugo e no hospital de Ferrol non se adoitan practicar este tipo de abortos na sanidade pública, polo que a única opción que se dá é acudir a Madrid ou aos dous centros privados que en Galicia tamén teñen convenio coa Xunta, unha situación que no Sergas atribúen á "obxección de conciencia" dos profesionais.
Segundo a propia Xunta aclarara, o número de interrupcións voluntarias do embarazo levadas a cabo en Galicia en 2014 -último ano do que se teñen datos- foron 3.351, dos que só 260 (7,7%) se levaron a cabo no sistema sanitario público. O resto, ,máis do 92% dos casos, foron derivados ás clínicas Castrelos (Vigo), Arce (A Coruña) ou Isadora (Madrid), coas que a Xunta ten convenio.
Desde Anova, o seu Grupo de Acción Feminista xa manifestou o seu "rexeitamento ás medidas de recortes do PP, xustificadas só por cuestións ideolóxicas" e que, segundo din, "tras o fracaso da reforma de Gallardón pretenden vulnerar novamente o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo". Así, instan a xunta a que "implante os protocolos axeitados para dar cobertura e asistencia ás mulleres que decidan exercer o seu dereito de interrupción do embarazo dentro do sistema galego e público de sanidade".
A PGDA acudirá á Fiscalía a vindeira semana
Ante esta situación, a PGDA ten previsto acudir a vindeira semana á Fiscalía para que actúe de oficio e abra investigación sobre o trato dado a mulleres que sofren abortos euxenésicos en varios hospitais públicos de Galicia. Despois de que o ministerio público arquivase en tan só dúas semanas o caso desde a Fiscalía Provincial da Coruña polas denuncias xurdidas no Hospital Materno Infantil da Coruña por falta de denucias individuais, a Plataforma quere agora incrementar a presión achegando testemuños concretos e ampliando o proceso ás eivas no tratamento denunciadas no conxunto do sistema sanitario público de Galicia.
A Plataforma presentará escrito ante a Fiscalía con testemuños persoais para que abra investigación sobre o trato ás mulleres
O escrito, xa preparado, incluirá o relato persoal de varias mulleres que sufriron desatención en hospitais públicos. Desde o colectivo entenden que os múltiples casos xa denunciados deberan ser dabondo para a intervención da Fiscalía, pero entenden que a achega agora de "casos concretos" e a ampliación destes testemuños sobre eivas no tratamento a varios puntos de Galicia e do sistema sanitario público farán que se dea paso a unha investigación.