ADEGA xa denunciara que o proxecto de "Tungsten San Finx SL" de recuperar a actividade mineira traía de agasallo a vertedura de 1 millón de metros cúbicos anuais procedentes das galerías inundadas, e que estas augas tiñan unha alta carga contaminante de metais tóxicos.
Así o confirmaron as anlíticas realizadas por ADEGA en 2016: os níveis de metais tóxicos como o Cd (cadmio, substancia perigosa e prioritaria); Cu (cobre, substancia preferente) e Zn (cinc, substancia preferente), mesmo chegaban a multiplicar por 28 (caso do Cd), por 8,4 (Zn) e por 7 (Cu) os máximos establecidos nas normas de calidade ambiental (RD 917/2015).
A resposta da empresa foi, por unha banda, solicitar a suspensión do procedemento por 3 meses para proceder a "novos estudos de tratabillidade e calculos hídricos e estruturais". Por outra, ameazou con denunciar a un membro de ADEGA por ter accedido sen permiso ao "seu" recinto mineiro.
Augas de Galiza corrobora as denuncias de ADEGA
Como consecuencia das últimas verteduras acontecidas en xaneiro deste ano que tinguiron o rego de San Fins de laranxa vivo, Augas de Galiza realizou novas inspeccións e análises. Os colectivos denunciantes persoados no expediente vimos de recibir os resultados, que corroboran punto por punto o denunciado no seu momento.
Augas arriba da explotación mineira, os regos baixan limpos. Mais as augas que escoan da mesma bocamina "Buenaventura" amosan os valores máis altos de metais tóxicos, que no caso do Cd (cadmio, substancia perigosa e prioritaria) multiplican por 28 os máximos permitidos polas normas de calidade ambiental. Estes valores e o do resto dos metais tóxicos reproducen á perfección os resultados das análises de ADEGA.
Río abaixo da explotación, a contaminación mineira das augas vai como é lóxico diminuindo, mais seguen a superarse os límites legais de Cd, Cu e Zn mesmo 1.500 m augas abaixo da mina.
Estes metais pesados son bioacumulativos e tenden a concentrarse nos tecidos vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que antes ou despois acabarán provocando alteracións fisiolóxicas e xenéticas. E lembremos que rego de San Fins desauga no Vilacoba e este na ría de Noia, centro dunha grande produción marisqueira...
Sobran razóns para denegar xa a Sacyr o permiso de vertedura
Á vista destas novas análises, desta volta oficiais, instamos ao organismo autónomo Augas de Galiza a que conclúa xa o expediente denegando o permiso de vertedura a "Tungsten San Finx SL" .
O contrario significaría un inxustificábel favoritismo cunha empresa cuxa actividade supón un risco certo para a saúde ambiental e cidadá. Unha administración que vela polos intereses xerais non debería tampouco permitir unha ameaza deste cal¡bre sobre un importante sector económico que dá emprego a centos de persoas na ría de Noia e arredores.