Á asemblea asistiron multitude de estudantes deste centro, todas elas descontentas co modelo que quería implantar a dirección do centro. Este modelo viña a facer que as probas se concentrasen todas en tres días. Desde Erguer, Estudantes da Galiza rexeitan esta fórmula, pois non favorece a aprendizaxe e a fixación de contidos, senón todo o contrario, facendo que as estudantes estuden ás presas.
Desta asemblea aberta saíu unha proposta para levarlle á dirección nunha xuntanza que o estudantado espera ter a vindeira semana se a dirección accede. A proposta conta destes principais puntos:
- Que os exames se marquen a comezo de curso, de forma orientativa para non obstaculizar as diferentes actividades académicas que poidan ir xurdindo durante o curso (excursións, actividades culturais, etc.) e reivindicacións estudantís que vaian xurdindo tamén durante o calendario docente.
- Para ser modificada a data dun exame fixado deberá argumentarse e socializar o motivo entre o estudantado.
- Para ser modificada a data dun exame terá que haber unha marxe de tempo razoábel para non influír negativamente ao estudantado.
- Entre exame e exame terá que haber un mínimo de 48h, para que non haxa unha acumulación excesiva de exames en certas datas, favorecendo así a mellor aprendizaxe con tranquilidade para fixar mellor os contidos. En cambio a concentración dos exames en 3 días favorece a facer unha aprendizaxe momentánea para un exame.
- Os exames marcaranse sempre chegando a un acordo entre dirección, profesorado e estudantes. Preferibelmente nunha asemblea aberta para cada curso.
- Algún destes puntos ou a totalidade deles poderá ser incumprido sempre e cando haxa unha maioría de cada actor (estudantes, profesorado, dirección) que así o desexe.
Moraima Pérez, estudante do IES Xunqueira I e integrante de Erguer. Estudantes da Galiza, valorou a asemblea como “moi positiva para que se empece a ter en conta os intereses e necesidades do estudantado.” E Paulo Queiruga, responsábel de zona de Erguer. Estudantes da Galiza en Pontevedra, valorou esta asemblea “como una oportunidade para non só solucionar esta problemática concreta, senón para que se comece a crear un debate na comunidade educativa sobre a pouca democracia que hai a día de hoxe no ensino público galego”.