Os atos som organizados pola dita plataforma e por outras do mesmo ámbito nas cidades da Corunha, Vigo, para além de umha entidade de ámbito nacional. Serám essas, precisamente, os pontos do país em que haverá programaçom. A seguir, o comunicado em que o CSRP de Compostela anuncia o evento, na sua ortografia original:
O mes de xuño ven acompañado este ano da celebración das I Xornadas Antirrepresivas Galegas, organizadas polo Comité de Solidariedade coas Represaliadas Políticas de Compostela, a Plataforma contra a Represión de Coruña, Vigo contra a Represión e os Comités por SRI - Galiza. Estas xornadas desenvolveránse con actos e palestras nas cidades de Compostela, Coruña e Vigo, esperando que contribúan a fortalecer a solidariedade, coordinación e unidade de todas as loitas contra a represión, nun momento no que é mais preciso que nunca.
Organicemos a solidariedade, conquistemos a amnistía!
Nestes últimos meses a loita pola amnistía volta a estar presente nas rúas, non é casual, decenas de sindicalistas, estudantes, e antifascistas en xeral estanse a enfrontar día tras día a xuízos políticos por manifestarse, ou simplemente mostrar a súa opinión nas redes. Moitos deles (Bódalo, Alfon, Francisco, Mónica...) comezan a engrosar a longa lista de presos políticos que viñan conformando tradicionalmente os presos independentistas galegos, vascos, do PCE(r) e dos GRAPO.
Todos eles, igual ca os que, polo momento, seguimos na rúa protestando, estamos a padecer o estado de sitio permanente que é o reino de España. Fai dúas décadas e media foi a Lei Corcuera, fai 14 anos a de Partidos e agora vivimos a entrada en vigor das últimas reformas represivas como son a Lei Mordaza ou o endurecemento do código penal. Leis de excepción que continúan a política bunkerización do Estado Español onde calquera opinión, protesta, movemento político ou partido que non se someta aos ditados do réxime son tratados de terroristas e, por consecuencia, perseguidos e reprimidos.
Veñen a por todos, tanto por escribir nas redes, facer folga, manifestarse, denunciar a tortura ou facer unha obra de títeres crítica, podes pasar a ser un terrorista, e a enfrontarte ás leis e tribunais especiais de represión política, como a Audiencia Nacional e as leis arriba citadas.
Ante isto, só nos queda unha opción: responder coa organización da loita antirrepresiva, denunciar todos e cada un dos atropelos ás nosas liberdades políticas. Neste combate contra a represión cada día faise máis evidente a importancia que teñen os presos políticos e, polo tanto a loita pola amnistía. Os presos atópanse na situación máis sangrante, dispersados a miles de kilómetros das súas familias e sós fronte aos carcereiros (e) torturadores. Precisan, indubidablemente que nós, dende fóra , coa denuncia e a mobilización defendamos sen tregua todos e cada un dos seus dereitos, traballando para conquistar a amnistía total, sen renuncias, para todos os encerrados e encausados por loitar.
Con esta perspectiva organizamos as primeiras Xornadas Antirrepresivas Galegas dende o CSRP Compostela, Plataforma contra a represión de Corunha, SRI GALIZA e Vigo Contra a Represión. Non o imos quedar calados nin parados, cómpre intensificar e fortalecer a loita contra a represión, abordando reivindicacións parciais coma a fin da dispersión, o cese das torturas, a desatención sanitaria... pero sen esquecer que estas conquistas só se poderan acadar camiño a amnistía, levando esta consigna a todos os recunchos, traballando para que os movementos sociais a fagan propia e convertíndoa nunha das reivindicacións centrais do movemento popular. Esperamos así que estas Xornadas, partindo de todos o xa feito , supoñan un impulso cara a estes fins.