O punto figuraba incluído inicialmente na Orde do Día como "Petición de creación dun centro de ensino de titularidade pública no antigo Cuartel de San Fernando(a petición do STEG)".
O STEG baseaba inicialmente a súa proposta (aprobada en asemblea no contexto de facer achegas á xuntanza do Consello) no feito de que, por unha banda, o Ceip Quiroga Ballesteros vén soportando unha forte presión de matrícula nos últimos anos (esta demanda non é nova, vén alomenos de 2011 por parte de varias familias que non obtiñan praza alí para as súas crianzas, malia corresponderlles por zona) así como a ausencia de comedor e a inadecuación dos seus espazos para un patio en condicións e, por outra, en que esta situación convive coa existencia dun centro educativo privado de carácter relixioso (Colexio da Milagrosa) que, segundo STEG, non cumpre cos requisitos que marca a lexislación vixente para o seu funcionamento, sendo o elemento máis evidente neste senso a ocupación de espazo público como espazo de recreo (a Praza do Ferrol), carecendo o casco histórico da nosa cidade de ningún centro educativo máis de titularidade pública dentro de murallas.
Escoitados os argumentos dados polo Concelleiro de Educación, relativos á imposibilidade por motivos técnicos e arquitectónicos de construír unha escola no antigo Cuartel de San Fernando, o STEG, tendo en conta que ademais xa existe certo consenso entre os colectivos e partidos políticos da cidade para darlle outro uso, mantivo a petición da creación dun centro público de ensino entre murallas ou incluso en terreos contiguos ás mesmas.
A seguir, tivo lugar un debate onde a FAPACEL amosou abertamente tamén o seu acordo con esta proposta (falouse da zona contigua ao Xoán Montes, do aparcadoiro do Hospital da Virxe dos Ollos Grandes, da zona comprendida entre a Porta Falsa e a Porta de San Pedro así como da zona do Carme fóra de murallas) e, finalmente, procedeuse á súa votación, sendo aprobada por unanimidade.
Votouse tamén, que o Consello Escolar Municipal solicitase por escrito información á Xefatura Territorial de Educación, interesándose polos termos en que desenvolve a súa actividade o colexio privado da Milagrosa e se o fai conforme ou non á normativa vixente.
A proposta aprobouse tamén, neste caso por 11 votos a favor e 5 en contra.