Nesa Mesa de negociación, á que asistiron representantes da Xunta, do AGADIC e dos Sindicatos, a Xunta negou o seu propio titular que aparecía na prensa o pasado día 19 de maio, cando afirmaba de xeito rotundo que só se amortizarían postos de traballo non cubertos.
Todas as amortizacións que a Xunta presenta na modificación proposta indican claramente a falta de interese do goberno do PP na cultura galega e no patrimonio audiovisual e fotográfico galego. Pero ademáis, a Xunta aproveita esta modificación para despedir traballadores, coa disculpa de que non hai carga de traballo. Esa situación vai supor cando menos unha merma importante dos servizos públicos que viña desenvolvendo ata agora o CGAI.
Propoñen a amortización de tres postos, pero ademáis non se está a cubrir a praza doutro traballador que se atopa en excedencia, e, debido á falta de reposición de prazas, a biblioteca especializada en audiovisuais, o servizo de préstamo e a área de exposicións xa se encontran pechadas dende hai máis dun ano.
Na área de proxección, só hai dous proxeccionistas en quendas separadas, de mañá e tarde. Tanto os ciclos de ensinanza e difusión do audiovisual, así como as proxeccións que se realizan entre máis de 2500 nenos e rapaces ao ano, desempéñanse na quenda de mañá. Na quenda de tarde o CGAI desenvolve a súa programación regular á que asisten máis de 10.500 espectadores ó ano e diversas presentacións e eventos relacionados co audiovisual. Coa modificación proposta pola Xunta amortizarían unha destas prazas, co consecuente despedimento do traballador que a ocupa, e toda a actividade desenvolvida por esta área estaría atendida por un só técnico especializado, algo que dende a CIG consideran totalmente inviábel. Segundo fontes do propio centro, sería imposible o desenvolvemento dunha programación regular, e todos os ciclos formativos que se veñen realizando, cunha redución de efectivos semellante.
Dende a CIG denuncian unha vez máis este desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) por parte do goberno do Partido Popular, así como o desprezo pola cultura do país e a falta de respecto ante os traballadores e os seus representantes sindicais, cando aínda non rematada a mesa de negociación xa estaban convocando a Comisión de persoal para aprobar a modificación sen mover unha coma. Este “paripé” do Partido Popular que pretende “pasar o rodillo” unha vez máis, denota unha falta absoluta de vontade negociadora.
Na CIG entenden que o CGAI ten que estar dotado dun cadro de persoal que permita o desenvolvemento pleno das función que lle son propias, polo que instan á Xunta a que retire esta sinrazón e que poña fóra de perigo, dunha vez, a unha institución tan necesaria como única en toda Galiza e que garante a memoria do audiovisual galego.