DÍA: 2 de xuño. HORA: 20:00h. LUGAR: Praza das Praterías, Santiago de Compostela
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría.
A través dunha simbólica badalada, o MGSM pretende significar que nese día alguén en Galicia se suicidou e que as autoridades públicas competentes continúan sen actuar diante desta situación.