O persoal de montaxe de PSA Peugeot Citroën en Vigo decidiu rebelarse contra a decisión da empresa de incrementar a cadencia de traballo a partir do mes de xullo, cando está previsto que se fabriquen nove vehículos máis en cada unha das tres quendas sen que isto supoña a contratación de máis traballadores/as. Diante disto, as centrais CIG, CUT e CCOO anunciaron a convocatoria dunha concentración diante da fábrica este sábado día 1, ao tempo que chaman aos empregados/as da liña 1 a non acudir ao seu posto de traballo o sábado día 8.
A representación sindical lembra que os problemas na liña de montaxe véñense arrastrando dende hai anos xa que o persoal soporta cargas de traballo moi elevadas, “mais a decisión de aumentar a produción nun coche cada hora (nove por quenda) é a gota que colma o vaso”. Como consecuencia desta situación, rexístrase un importante índice de absentismo: na actualidade arredor de 400 dos 5500 empregados/as da factoría viguesa atópanse e baixa, a metade dende hai máis de seis meses.
Segundo denuncian, os repartos de traballo establecidos pola dirección son “irrealizábeis”, polo que consideran “unha falta de respecto” que a empresa non queira sentarse coa representación sindical para buscar unha solución. Neste senso, sinalan que o propio sindicato maioritario -o SIT- recoñeceu nun comunicado que “hai unha serie de repartos que, por distintas causas, os operarios/as non son capaces de realizar”.
Por todo isto, consideran que o cadro de persoal debe de dar un paso adiante nas súas reivindicacións e fan un chamamento a participar na concentración convocada ás portas da fábrica este sábado día 1 ás 11.30 horas, así como a non acudir ao seu posto coincidindo coa xornada de traballo extraordinaria do vindeiro sábado día 8.
En concreto, cren necesario garantir unha redución das cargas de traballo e unha mellora no equilibrio dos repartos creando máis postos na liña (segundo os seus cálculos sería necesario contratar 30 persoas, 10 por quenda) e concretar cal vai ser o incremento dos descansos que se van establecer mentres dure esta nova cadencia.