Fíxose xustiza? "Non veremos as persoas responsables desta situación, que mesmo cometeron delitos, ir a xuízo. Pero mira, cando menos paga a pena ter divulgado e que se visibilice a represión que está a sufrir tanta xente, tanto na Galiza coma no Estado, e ter defendido que ser solidaria non é delito", destaca Laura Bugalho en conversa con Praza. "A min, por suposto, teríame gustado saír sen condena ningunha, pero sabendo como é a xustiza española, que ten xente secuestrada, xente sen casa, xente sen traballo, pois tampouco podía pedir moito máis".
Na vista que tivo lugar este martes chegouse a valorar a posibilidade de suspender o xuízo, adiando de novo o remate deste proceso, ao non comparecer as persoas migrantes que estaban chamadas a declarar como testemuñas. Para Laura Bugalho, "fixeron moi ben, os compañeiros están en rebeldía. que van esperar por esta xustiza e por esta lei de estranxeiría, a que os fodan máis?”. "Non é un proceso que eu fixen, senón un proceso que me inventaron”, denunciou, engadindo que “sei que toquei fibras moi sensibles deste sistema e o sistema deféndese".
"De todo este proceso aprendín que se tivese que volver denunciar unha trama deste tipo, debería facelo de maneira colectiva e non tan a cara descuberta. Aprendín tamén que a solidariedade pode mover unha resolución xudicial, pois ata hai unha semana a fiscal aínda pedía unha condena de tres anos inapelables". Laura Bugalho agradeceu especialmente a campaña de solidariedade que a acompañou nestes anos e, moi esepecialmente, nas últimas semanas: "iso foi un arroupe inmenso. E gustaríame que se mantivese para todas aquelas persas que xa están condenadas ou as que poden necesitar a nosa acción na rúa e o noso afecto. Unha onda de solidariedade que se mantivese no tempo. Para min, cando menos, foi un balón de osíxeno impresionante".
Un proceso de sete anos
Laura Bugalho axudou a sacar á luz a trama desvelada pola Operación Peregrino, pola que 57 persoas de orixe marroquí foran traídas a España coa promesa dun emprego despois de teren abonado dez mil euros. En principio o seu destino foi Andalucía, pero algúns deles chegaron a Galicia para traballar na industria do metal en condicións de ilegalidade, nunha escura trama na que poderían esta implicadas 39 empresas do sector do Metal da comarca de Compostela, persoal de sindicatos, da policía, da seguridade social, funcionarios de estranxeiría e persoal diplomático. A partir de aí a activista comezou a sufrir un forte acoso policial e estrañas circunstancias que ela non cre que foran casuais, coma un asalto á súa casa. Unha semana despois foi detida, pasando 48 horas nos calabozos e sendo acusada de trata ilegal de inmigrantes e falsidade documental. Aínda que a primeira acusación decaeu enseguida, a Fiscalía mantivo a segunda, pedindo para ela tres anos de cárcere.