Foi hai xa case un ano, no pasado novembro, cando o Concello da Coruña e a Sociedade Estatal de Infraestruturas Penitenciarias (SEIP), dependente do Ministerio de Interior, chegaron a un acordo para a cesión "gratuíta e temporal" do edificio do antigo cárcere provincial á cidade, co obxectivo de que teña usos sociocomunitarios e culturais. A cesión fixada no convenio ten unha vixencia de dous anos -prorrogable anualmente- á espera da resolución do litixio xudicial aberto, no que o Concello demanda o traspaso gratuíto do inmoble. Cada administración comprometeuse a achegar 150.000 euros para a realización de traballos de rehabilitación e conservación.
“En paralelo a este proceso", como lembrou Varela, o goberno local fixo unha convocatoria pública e aberta para a cesión de usos de espazos, para que entidades sen ánimo de lucro "puidesen achegar as súas propostas de xestión e dinamización nas zonas rehabilitadas do edificio, co obxectivo de xerar vida no cárcere a través de diversas actividades de carácter artístico, educativo, sociocultural e lúdico”, sinalou o edil, quen especificou que estas poderán desenvolverse, unha vez finalicen os traballos, “con seguridade e garantía”.
"Foi Proxecto Cárcere quen consideramos que fixo o mellor proxecto e quen vai xestionar e dinamizar o edificio", engadiu para asegurar que se poderán desenvolver "actividades de todo tipo" sempre que se adecúen ás condicións actuais do edificio".
Xa que logo, unha parte do vello cárcere da Coruña quedará aberto e axeitado para usos públicos antes de que finalice este 2017 e será Proxecto Cárcere quen o xestione e se encargue de "xerar vida cultural, social e sociocomunitaria", segundo aclarou o edil, que manifestou tamén que a vindeira semana poderíanse adxudicar xa as obras de rehabilitiación, que empezarían a finais deste mes de setembro.
Durante os últimos anos o Estado veu negándose a ceder o cárcere gratuitamente á cidade da Coruña, remitíndose ao convenio asinado en 2005 polo daquela alcalde Francisco Vázquez, un acordo que obrigaba ao Concello a pagar 1,2 millóns de euros pola recuperación do edificio. Con todo, en 2014 o Consello Consultivo puxo en dúbida a validez do convenio asinado polo ex-rexedor.
O inmoble funcionara durante décadas como prisión, recluíndo entre as súas paredes a centos de presos políticos, tanto durante a Guerra Civil e a posguerra coma nos últimos anos da ditadura. Unha historia que dende hai un tempo vén recollendo o proxecto Memorias do Cárcere da Coruña. Unha vez que abandonou a súa función como cárcere tivo outros usos -por exemplo, como centro de inserción social- ata que no 2009 pechou definitivamente as súas portas.
En novembro de 2010 unhas xornadas sobre novos modelos participativos de xestión cultural trouxeron á cidade aos responsables de sinalados proxectos de Austria ou Barcelona. Foi o xermolo do Proxecto Cárcere, a plataforma cidadá que dende aquela veu traballando por converter o edificio nun centro cultural público e autoxestionado. O colectivo realizou xornadas de portas abertas, para que a cidadanía puidese coñecer o inmoble e organizou actividades culturais. Entre 2010 e 2011 o edificio mesmo acolleu algunhas sesións do festival de cinema S8 ou un concerto en homenaxe a Lois Pereiro. Tamén se alborou un Plan de Viabilidade onde se propuxeron as liñas xerais de recuperación paulatina e sustentable do inmoble, das actividades a ser acollidas nel e da xestión e viabilidade económica do espazo.
Precisamente, o Proxecto Cárcere entregou o pasado mes de xaneiro ao goberno local da Coruña a súa proposta de usos para a antiga prisión provincial que puidese servir de modelo para a súa xestión, trala cesión do edificio por parte do Ministerio do Interior, unha vella reivindicación da cidade. O documento, no que a plataforma viña traballando nas últimas semanas (e que é froito dun traballo de varios anos), inclúe unha proposta de rehabilitación, de usos e contidos para o espazo, unha suxestión de forma de xestión e dun marco de relación co Concello, así coma un deseño para o modelo de financiamento e forma xurídica do cárcere. Igualmente, na xuntanza que a entidade mantivo coa Concellería de Rexeneración Urbana e Participación, entregáralle unha versión actualizada do Plan de Viabilidade que Proxecto Cárcere redactara hai xa tempo e que serve de base á súa proposta.
Tamén o pasado mes de xaneiro, 30 anos despois do seu peche como cárcere e seis anos despois do breve período (2010-11) no que acolleu varios actos culturais e exposicións, a cidadanía da Coruña puido volver entrar na antiga prisión provincial.