A maioría das persoas que forman parte do goberno municipal, estaban antes nas mobilizacións ao lado das veciñas e veciños[2] que se sentían estafados por José Manuel Rey Varela e o goberno municipal do Partido Popular, que aplicou unha taxa avultada, non xustificada e non explicada polos técnicos municipais, a pesar das nosas peticións nese sentido. Unha taxa que correspondía a unha depuración que non se realizaba.
Este goberno municipal lonxe de aproximarse aos veciños e veciñas para sacar adiante una taxa xusta e elaborada con participación e transparencia, dedicouse a ningunear ás propostas da cidadanía organizada ao redor destes temas e ao movemento veciñal, e a agochar a súas xestións para, ao final propoñer a taxa que tanto o Alcalde como o seu grupo chegaron a suspender[3] e mesmo derogar,[4] mais sen rematar o proceso a finais do mes de xuño, de xeito deliberado. Non fai moito tempo, este goberno prometeu facer un estudo da taxa ao longo dos primeiros meses de funcionamento da depuración, para obter uns custos axustados á realidade. Onde van eses estudos? A taxa do PP, que propón agora, é xusto a taxa do estudo? Si non e así, que pon ou que falta, ou que leva ou que sobra?
O noso alcalde Jorge Suárez, recuperando a Taxa do Partido Popular, fai-se cómplice da estafa que supuxo a trama encadeada de “Convenios de colaboración” entre a Confederación Hidrográfica, Augas de Galicia, Concello de Ferrol e Urbaser-Socamex. Que esta plataforma ten definido como de dubidosa legalidade. O goberno municipal anterior, recepcionou unha depuradora que non lle correspondía e en pésimas condicións, coa imposición dunha taxa ilegal, sobredimensionada en conceptos como caudais de augas residuais e pluviais, potencia eléctrica contratada e enerxía consumida. Sumándolle o engano da depuradora que non depuraba, sen persoal e sen enerxía eléctrica contratada. Ademáis, EMAFESA estivo e está a traballar nunha depuradora que non é do Concello, e que na actualidade, carece dun contrato ou convenio, que soporte a súa participación nestas tarefas de depuración.
Desde a Plataforma acordamos contactar co movemento veciñal e chamar a mobilizar-se contra esta nova fraude, e facer un chamamento público para acudir ao Pleno para amosar o rexeitamento a esta proposta, Pleno que se prevé celebrar o vindeiro mércores 11 de outubro.
Xa no seu momento, cando esta Plataforma lle pedía a Jorge Suárez que esixira a Augas de Galicia que puxera a andar a depuradora, intentou que funcionara a chantaxe de que "sen aprobar unha taxa, non se podía depurar". Mesmo intentou-se manipular á xente do mar contra quen nos opúñamo-nos á imposición dunha taxa inxusta, dicindo que estabamos impedindo que a depuradora funcionara. Mais o tempo deu-nos a razón, e desde o 5 de abril leva funcionando o sistema, ao menos polo de agora non se verte á Ría millóns de litros de augas residuais sen depurar,[5] supostamente depura-se e non se aprobou ningunha taxa.
Seguimos pensando que nunca se debeu aceptar a depuradora e outras infraestruturas complementarias, por ser un sistema supramunicipal, sendo o seu único responsábel a Xunta de Galicia, a través da empresa Augas de Galicia. O Concello, e polo tanto a cidadanía de Ferrol, non se pode facer responsábel das deficiencias, reparacións e posta a punto dunha infraestrutura que non é nosa. Gastos que, no seu caso, tamén corresponderían aos concellos de Narón e Neda, como usuarios desta depuradora.
Manifestamos unha vez máis, que non é certo o da obriga de ter unha Taxa. Poderiamos pagar á Augas de Galicia o coeficiente de vertedura (Regulado no Decreto 136/2012, de 31 de maio)[6] como así vai facer o concello de Narón. Feito que vai recollido na proposta de Convenio de Colaboración que hai sobre a mesa, na súa estipulación 6 páxina 9.[7] E no suposto caso de ter que pagar unha taxa, esta sempre tería que ser xusta, elaborada con transparencia e participada.
Ante todo isto a Plataforma, esixe non ceder ante as presións de Socamex[8] e dos altos funcionarios que informaron ambiguamente, mesmo ante fragrantes ilegalidades, á hora de dar o visto bo a convenios e protocolos, que son altamente lesivos para os intereses da cidadanía de Ferrol.
Reiteramos as nosas demandas e reivindicacións ante os continuos incumprimentos por parte da empresa mixta EMAFESA,[9] e ante as irregularidades no corpo contractual:
1º Cumprir xa a súa obriga e compromiso de facer unha auditoría real sobre a xestión e a situación económica financeira de EMAFESA.
2º Denunciar o Convenio con Augas de Galicia e entregar a xestión do sistema de saneamento e depuración a quen é o seu único responsábel -a Xunta de Galicia, até que se cre un sistema supramunicipal de xestión, como así posibilita a primeira encomenda entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Augas de Galicia.[10]
3º Devolver a taxa indebidamente cobrada á veciñanza e comezar cun proceso transparente e participado.
4º Iniciar o proceso de recuperación da xestión do servizo, cumprindo cos acordos do pleno municipal de xullo de 2015.[11]
Caso de que Jorge Suárez non retire esta proposta, denunciaremos publicamente a súa mala xestión no cargo, e pediremos a súa dimisión, por considerar que non ten a representatividade da veciñanza, porque toma decisións contra os intereses da cidadanía de Ferrol e está incumprindo o programa polo que foi elixido.[12]
Actualmente estamos elaborando un informe que someteremos a valoración dos organismos de control xurídico e administrativo, por si fora obxecto de penalización, a forma e o longo camiño de decisións que envolven a xestión da depuración das augas residuais do noso concello.
Ferrol, a 5 de outubro de 2017