A primeira xornada da folga indefinida na industria auxiliar de Navantia está rexistrando un seguimento masivo, coa actividade dos estaleiros de Ferrol e Fene paralizada ao 100%. "Isto non é un parón calquera, isto é unha folga decidida polos traballadores e traballadoras para recuperar os dereitos perdidos". Así de contundente resumía o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, o desenvolver da xornada durante a asemblea que tiña lugar ao mediodía na porta do Esteiro.
"Nunca dubidamos de cal ía ser a resposta dos traballadores/as a esta folga, porque estivemos facendo asembleas e comprobamos a disposición que teñen a loitar pola conquista dos seus dereitos. Saben que este é o momento", engadía Vidal, en referencia ao volume actual de ocupación e ás previsións de incrementar a carga de traballo nos vindeiros meses. Neste liña, Ramón Alfonzo, da CIG-Industria valoraba no piquete do estaleiro de Fene que "hoxe se reafirma o apoio unánime dos traballadores/as á greve e a reivindicación de que os acordos de 2001 son intocábeis e hai que aplicalos sen máis dilación".
A afluencia aos piquetes foi masiva e dende primeira hora centos de operarios/as concentráronse nas portas de acceso dos dous estaleiros, onde hoxe non hai actividade ningunha, xa que nin sequera o persoal de Navantia entrou traballar.
Aplicación dos acordos de 2001
O obxectivo desta greve é que as empresas auxiliares se comprometan a aplicar os coñecidos como acordos de 2001. Un pactos que nese ano asinaron case todas das compañías que traballan para Navantia e que supoñen uns complementos salariais por enriba das táboas do convenio provincial do metal. Porén, baixo a escusa da crise, aproveitando a baixada na carga de traballo dos estaleiros e os elevados índices de desemprego da comarca, as empresas comezaron a deixar de aplicar eses acordos.
"Recuperar eses salarios é unha reivindicación constante dende entón", explica Ramón Alfonzo, e incluír os acordos no articulado do convenio provincial era unha das demandas da plataforma sindical na negociación. "Pero CCOO e UGT asinaron o preacordo do convenio ignorando esta cuestión. Na medida en que a porta do convenio se pecha, hai que buscar outras vías para sacar adiante esta reivindicación".
A decisión de ir á folga chegou tamén en resposta ao anuncio de CCOO e UGT de que estaban instando as empresas a reunirse para 'negociar' eses acordos. "Pero sabemos que a pretensións da empresas é rebaixar os acordos, polo que a noticia de que os sindicatos españois convocaran unilateralmente as mesas, sen terse dirixido aos traballadores/as para explicar o que se vai negociar, provocou unha gran preocupación entre o colectivo", sinala Alfonzo.
Con ese marco de fondo, nas asembleas que a CIG estaba a realizar para aclarar os motivos polos que non vai asinar o convenio do metal, os propios traballadores das auxiliares foron quen instaron a central sindical a iniciar mobilizacións para conseguir os acordos e a actuar coa máxima urxencia. De aí a convocatoria de folga, aprobada maioritariamente nas diferentes asembleas celebradas.
Dúas reunións coas empresas
Dende o anuncio público da convocatoria de greve, producíronse dúas reunións coas empresa auxiliares, "nas que se concreta a pretensión de rebaixar economicamente os acordos (propoñen acordos intermedios ou progresivos) e nas COO, UGT e MAS (que tamén asistiron ás xuntanzas) aceptan participar nesas mesas de negociación".
Vidal criticaba a postura mantida por CCOO e UGT diante deste conflito, "porque en vez de estar apoiando o que aprobaron os traballadores/as nas asembleas abertas celebradas en todas as quendas, o que fan é pactar coas empresas meterse nunha mesa sobre industria auxiliar -que como CIG vemos necesaria e que nunca nos negamos a estar nela, pero para tratar outras cuestións como subcontratación, xornada, porcentaxe de indefinidos, prevención ou formación-". Neste senso, Alfonzo apuntaba que nesas xuntanzas "a postura da CIG foi clara, primeiro pagar os acordos e logo teremos a mellor disposición para falar de todo o que se queira".
A responsabilidade de Navantia
O secretario comarcal da CIG-Industria puxo o acento tamén na responsabilidade que ten Navantia neste conflito, pois "en vez de informar as empresas cando presentan ofertas de cales son as condicións sociolaborais que deben cumprir, o que fai é fomentar a competencia desleal entre as compañías auxiliares coa fin de abaratar os custes da obra".
Denunciou que "os traballadores/as viron como nos últimos anos as empresas abusaban deles, tendo que negociar as súas condicións salariais individualmente cada vez que ingresaban nunha nova compañía, dándose discriminación salarial en función de auxiliar na que traballaran -posto que unhas continuaron cumprindo os acordos e outras non-; e chegando a darse casos incluso de persoal que cobra distinto soldo estando dentro da mesma auxiliar".
Por iso, reiterou, "os acordos non están mortos, hai que recuperalos e conseguir que todas as empresas os apliquen por igual". Con este obxectivo, apelou á implicación de Navantia "como principal causante destas desigualdades e principal encargada de velar para que estes acordos se cumpran".