A posibilidade de suspender o paro -que hoxe cumpre a súa sexta xornada consecutiva- foi sometida a consideración do persoal, por mor do principio de acordo acadado na noite do luns entre sindicatos e empresas, que condicionaban abrir unha mesa de negociación ao levantamento da greve.
Dita proposta fíxose posíbel no marco da xuntanza á que o Consello Galego de Relacións Laborais convocou a todas as partes, tras da CIG solicitar a mediación do AGA no conflito. Desa xuntanza, Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria, valorou o paso positivo que supuxo conseguir o compromiso de que calquera acordo asinado teña carácter vinculante -é dicir, que teña un marco legal e que sexa incluído como anexo no convenio provincial do metal- e universal. Isto é, de obrigatorio cumprimento para todas as contratas de Navantia, tanto as que están agora traballando como as puideran entrar nos estaleiros no futuro.
Como contrapartida, explica Vidal, demandouse a suspensión da greve "e comezar a negociar todo de cero, incluso os salarios". "Deixamos claro que a decisión de suspender ou non a greve e asinar ese acordo tiña que ser referendada nas asembleas de traballadores/as", convocadas, como vén sendo habitual dende o inicio do paro indefinido, para ao mediodía deste mércores.
"Dende as 05:00 horas estivemos mantendo xuntanzas co persoal para explicar en que consistía a proposta e xa puidemos comprobar que os traballadores estaban polo labor de continuar a greve, porque a súa esixencia principal é que se respecten os acordos salariais de 2001. Se resulta que nesa negociación se chega a uns acordos rebaixados -que é o que pretenden as empresas- non se corrixirá a discriminación que existe nestes momentos entre o persoal das empresas que si cumpren e os das que non", apuntou Vicente Vidal.
Apoio esmagador das asembleas
Así as cousas, este mediodía celebrábanse sendas asembleas de persoal ás portas dos estaleiros. Na antiga Astano, os/as arredor de 300 operarios/as que acudiron a asemblea apoiaron de xeito unánime seguir coa greve, mentres que en Ferrol, 131 operarios/as referendaron manter o paro fronte a 99 que votaron suspender a convocatoria.
A este respecto, o secretario comarcal da CIG-Industria puxo o acento no intento de boicotear o resultado por parte dalgunhas empresas auxiliares que non secundan o paro, que mandaron o seu persoal a asemblea para votar a favor da suspensión. "Pero nin así o conseguiron", aseverou.
Deste xeito, a industria auxiliar continúa a greve para esixir o cumprimento dos acordos salariais e manterá piquetes informativos permanentes nas portas dos estaleiros. Neste senso, Vidal engadiu que, por primeira vez dende o inicio da greve, o persoal de Navantia entrou hoxe a traballar. En sendas asembleas ratificouse que os operarios/as da principal poderán entrar de maneira libre, xa que non están recollidos na convocatoria de greve e poderían sufrir represalias por parte da empresa pública.
Proposta de debate no Concello frustrada
Doutra banda, Vidal criticou que esta mesma mañá non se puidera debater no pleno municipal de Ferrol unha moción presentada pola vía de urxencia polo BNG sobre o conflito que se vive nas auxiliares, xa que tanto o PP como Ciudadanos se abstiveron na votación da inclusión do tema na orde do día. "É unha vergoña e unha falta de respecto cara aos traballadores e as traballadoras das auxiliares", aseverou Vidal, lembrando que a Corporación de Ferrol é a única da comarca que non se ten pronunciado a respecto da situación nas contratas de Navantia.