Contestando ao argumentario de Jorge Suárez e o seu goberno municipal
O goberno de Jorge Suárez, difunde entre achegados, amigos e simpatizantes un argumentario de xustificación do que consideran como irremediábel, o rescate da Taxa de Depuración do Partido Popular, convertendo-se en cómplices da estafa e enganando, deste xeito, á veciñanza. A maioría das persoas que forman parte do goberno municipal, estaban antes nas mobilizacións ao lado das veciñas e veciños que se sentían estafados por José Manuel Rey Varela e o goberno municipal do Partido Popular, que aplicou unha taxa avultada, non xustificada, non participada e non explicada, ademais de ser a Taxa da estafa e do engano ao Pobo de Ferrol. Mesmo pode que se estea facilitando á Emafesa que poda demandar os recibos desde xaneiro de 2015.
O goberno de Jorge Suárez di:
Este goberno de Ferrol denunciou a estafa que supuxo a posta en marcha da depuración no 2014 e acordou suspender unha taxa e abrir unha investigación cos habilitados nacionais que está en proceso.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
Non foi este goberno, foi o goberno bipartito FeC-PSOE, xullo de 2015, co apoio do BNG. O concello de Ferrol faise naquela data socio de AEOPAS, que comeza a ofertar axuda para o proceso de recuperación do servizo, axuda que é continuamente rechazada por Jorge Suárez. Paralelamente organizacións ecoloxistas da cidade intentan organizar co goberno municipal unhas xornadas pola remunicipalización. Estas xornadas son boicoteadas por Jorge Suárez, aludindo que non se podía falar de “remunicipalización”, estabamos na primavera de 2015.
O goberno de Jorge Suárez di:
Emprenderemos todas as accións necesarias para demandar que as reparacións ou calquera tipo de gastos non vinculados ao feito impoñible strictu sensu, acometidos con fondos públicos competentes a outra administración ou ás empresas construtoras que incorresen en vicios ocultos non sexan asumidas pola veciñanza.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
O goberno de Jorge Suárez, cos votos do PP, asinou o Convenio de Colaboración con Augas de Galicia para a Explotación, Mantemento e Conservación do Sistema de Saneamento e Depuración do Concello de Ferrol. Mediante este Convenio a cidadanía de Ferrol ten que asumir os custes de reparación, posta a punto e mantemento dunha infraestrutura que non lle pertence, dando cobertura legal aos traballos que EMAFESA realizou na depuradora sen ter base contractual. Mais que casualidade que este sea o mesmo Convenio que asinou o anterior Alcalde José Manuel Rey Varela e que fora rexeitado e combatido por todos nós incluído Jorge Suárez, Álvaro Montes e o grupo municipal de Esquerda Unida. A maiores non entendemos como á asesoría xurídica e o interventor do Concello non paralizaron a firma do Convenio ao existir a dúbida sobre os custos de reparacions pendentes, posta a punto e probas dos traballo (Como así manifesta o Interventor no seu Informe) que debería facer Augas de Galicia ou os contratistas das obras. Cando un contrato non está definido non se debe asinar nunca.
O goberno de Jorge Suárez di:
O 3 de abril, coa apertura dos interceptores dende o Cadaval e toda a zona de Caranza, Esteiro e Ferrol, que abrangue toda a zona urbana de Ferrol, comezouse oficialmente o saneamento da cidade. | Xuridicamente, pola Directiva europea da auga, é de obrigada financiación o sistema a través dunha taxa.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
Augas de Galicia xestiona moitas depuradoras, incluída á da marxe sur da nosa Ría. A maioría destes municipios a taxa que cobran é simplemente para pagar o coeficiente de vertedura. Narón quere facelo así coa depuradora de Prioriño. O goberno de Jorge Suárez quere utilizar a taxa como aval bancario para sanear as contas de EMAFESA, situada ao borde da suspensión de pagos por responsabilidade da parte privada, SOCAMEX, que é quen ten o control real da empresa.
O goberno de Jorge Suárez di:
Este goberno até en catro ocasións tratou de aprobar por acordo plenario unha taxa que se axustase aos gastos reais do feito impoñible:a depuración das augas residuais do concello.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
O informe para o cálculo da taxa que manexou o Goberno de Jorge Suárez, foi o elaborado pola empresa, concretamente pola parte privada, onde aparecía sobredimensionada en conceptos como: caudais de augas residuais e pluviais, potencia eléctrica contratada e enerxía consumida. Desde esta Plataforma intentamos que o goberno municipal collera outros camiños alternativos, como devolver a xestión da depuradora a Augas de Galicia; comezar un proceso participado para a elaboración e aprobación dunha taxa ou pagar o coeficiente de vertedura como están a facer moitos concellos galegos e está previsto que faga o concello de Narón.
O goberno de Jorge Suárez di:
Non atopamos a colaboración necesaria que permita a financiamento do sistema e poder actuar con firmeza dende a estabilidade financeira da empresa, contra todas as irregularidades cometidas, xa que os grupos da oposición bloquearon calquera intento de aprobar unha taxa.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
A inestabilidade da empresa EMAFESA, é produto da política deste tipo de empresas mixtas, onde a parte pública é un mero convidado de pedra. EMAFESA ten sen presentar nin aprobar as contas, nin as actas, desde o ano 2013. Augas de Galicia e o propio Concello de Ferrol, encabezan a lista de acredores. Non se pode esquecer que esta empresa xa foi sancionada polo Tribunal de Contas no 2004, e toda a súa historia neste concello está marcada polos incumprimentos, irregularidades desde que se constitueu, e política de subcontratación de empresas do mesmo grupo, antes Urbaser-ACS de Florentino Pérez, agora capital chinés da corporación Firion Investments.
O goberno de Jorge Suárez di:
Vémonos na obriga de levantar a suspensión, co fin de non levar á creba a unha empresa que ambicionamos a facer 100% pública antes do remate da concesión, xa que hai motivos de fondo para investigar e abrir un expediente sancionador á parte privada da mesma, segundo acreditan as diferentes auditorías de app plus, a UDC, PW Quaks e Eudita, técnicas, xurídicas e económicas e certificadas por informes de funcionarios municipais.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
A concesión remata no ano 2030!!! Se realmente este goberno municipal quixera recuperar o servizo, tería denunciado á parte privada como responsable directa da situación da empresa, de irregularidades, incumprimentos e mesmo atentado contra a saúde pública como foi no caso dos trialometanos no verán do 2015. Unha vez apartada a parte privada, comezaría o saneamento de EMAFESA 100% pública. Mesmo creemos que poden darse as condicións para cumprirse o disposto na cláusula vixésimo quinta do Prego de Condicións, o que supón que é SOCAMEX quen debe abandonar a condición de socio de EMAFESA pero sen percibir ningún tipo de indemnización e mesmo coa posibilidade de ter que resarcir ao Concello. Lograríase así a xestión 100% pública de EMAFESA, manter os postos de traballo e garantir un servizo transparente e de calidade.
O goberno de Jorge Suárez di:
Non ter unha taxa do servizo obrigaría a suspender o mesmo, co prexuízo correspondente a toda a xente que vive do mar, e contra o feito real de que todas as analíticas están a dar resultados que avalan o saneamento real, polo que ademais de ser ilegal por incorporar puntos de vertido sería un atentado ao sentido común e un freo á recuperación medioambiental esixida dende hai décadas.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
Jorge Suárez insiste na chantaxe que intentou aplicar para aprobar a taxa ditada por Socamex: sen taxa non hai depuración. Intentando enfrontar ás xentes do mar con a Plataforma e aquelas forzas políticas que non estaban de acordo coa taxa que se quería aprobar. Por delito ecolóxico deberan estar condenados os responsábeis políticos e técnicos que tiveron sen funcionar a depuradora até o 5 de abril deste ano. A depuradora é do Ministerio de Medio ambiente, Confederación de Aguas del Miño-Sil, que ten asinado unha encomenda con Aguas de Galicia. Jorge Suárez pode denunciar o Convenio de Augas con Ferrol, e devolver a xestión ao seu propietario, aplicando o coeficiente de vertedura para cubrir o gasto do servizo, como se fai noutros concellos.
O goberno de Jorge Suárez di:
Unha vez levantada a suspensión, incoaremos de xeito inmediato unha modificación da mesma, co fin de axustar o gasto real ao que ten que abonar o contribuínte, con condonación en futuros recibos do recadado en maior contía ao esixido.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
O goberno de Jorge Suárez acumula tanto incumprimento que a súa palabra xa non é suficiente. Solicitou-se-lle en demasiadas ocasións que devolvera a taxa cobrada ilegalmente polo PP, pois non se estaba a depurar. Miles de recursos, miles de sinaturas e mobilizacións así o reclamaron no últimos meses do goberno de Rey Varela, mobilizacións na que el participaba.
O goberno de Jorge Suárez di:
Existe un acordo político co Concello de Narón para abonar os gastos do 30% da depuración, que se concretará a través dun acordo a tres partes entre Narón-Ferrol-Augas de Galicia. | No futuro inmediato, principios de 2019, a xestión do servizo será mancomunado, existindo xa un borrador de pregos de Augas de Galicia e o desenvolvemento dunha proposta técnica de Emalcsa na mancomunidade.
A Plataforma pola Remunicipalización contesta:
Presenta-se un futuro, sen base no presente. Só entendíbel se o que se pretende é gañar tempo. Fala-se dun acordo político que está formulado nunha proposta de Convenio de Colaboración que foi adiada a súa firma o pasado día 13, agora hai un documento, nos concellos, que Augas de Galicia pasou para o seu estudo. Unha proposta case igual que os anteriores Convenios, só que leva a incorporación de Narón, onde este di que pagará o coeficiente de vertedura (Regulado no Decreto 136/2012, de 31 de maio) que vai recollido na proposta de Convenio de Colaboración que hai sobre a mesa, na súa estipulación 6 páxina 9. A veciñanza de Ferrol, pola contra, ten que asumir os traballos de reparación e posta a punto da depuradora realizados por Emafesa, cando non lle correspondía facelo, porque foi Augas de Galicia quen recepcionou ás obras en mal estado; temos que facernos cargo da conservación e mantemento dunha infraestrutura que non é nosa e presta servizo a varios concellos; ademais se nos obriga a pagar os impostos que corresponderían a Augas de Galicia, incluíndo o IBI; concesións da Autoridade Portuaria, tendido eléctrico; elevadísimo custe das obras dos interceptores..., e todo iso sen garantías de que se realice un saneamento eficaz, tanto polo modelo do sistema, como pola desconfianza na empresa EMAFESA, que mostra un funcionamento totalmente opaco e deu mostras claras de irresponsabilidade.
Outubro de 2017