As traballadoras e traballadores da planta de Leche Celta en Pontedeume desenvolveron este luns a cuarta xornada de greve en demanda dun convenio que dignifique os seus salarios e as súas condicións. O paro (de 12 a 16 horas) está tendo un seguimento do 100% do persoal que hoxe tamén celebrou unha asemblea ás portas da factoría para avaliar a última proposta presentada pola empresa.
A compañía, explica o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle, ofertou un incremento salarial medio do 4.7% para este 2017 e as mesmas condicións económicas que se pacten no convenio estatal de industrias lácteas para os seguintes dous anos, máis un 1.5% para 2018 e un 1% en 2019. Porén, a parte social reivindica un diferencial maior para 2019 e que o convenio remate a vixencia nese ano e non prorrogalo a 2020 como quere a empresa.
De aí que durante a asemblea, as traballadoras e traballadores consideraran a proposta empresarial insuficiente, e decidiran continuar coas xornadas de greve e as concentracións diante da factoría previstas para mañá e o mércores.
Ese día pola tarde está prevista unha nova reunión coa dirección "na que esperamos que a empresa traia unha proposta mellorada que permita chegar a un acordo".
Salarios dignos
As e os traballadores da planta de Leche Celta en Pontedeume comezaron os paros laborais de catro horas o pasado luns 23 de novembro e co de hoxe suman xa catro xornadas de greve cun seguimento total, polo que a produción nestes días ficou paralizada. O obxectivo desta medida de presión é lograr que a empresa negocie un convenio propio que dignifique as condicións salariais e sociais das preto de 180 traballadoras e traballadores desta factoría.
Arredor do 70% do persoal de Leche Celta é mileurista e o que se demanda na plataforma social "é un incremento dos salarios que os converta en salarios dignos"