O mércores 15 está convocada unha concentración de apoio ao compañeiro, ás 11:30 horas, diante dos Xulgados
Os voceiros comarcais da CIG de Ferrol compareceron este martes en rolda da prensa para trasladar o apoio e a solidariedade da central a Francisco Martins, traballador do mar que vai ser xulgado por intentar impedir que un vehículo atropelara a varias persoas nunha manifestación en 2012.
Para a Unión Comarcal resulta inxusto e indignante que se vaia xulgar a Martíns e se lle pidan miles de euros de sanción e en concepto de danos no vehículo, cando o que fixo foi intentar evitar que se ferira ás persoas que participaban na manifestación convocada pola CIG, co gallo da folga xeral de novembro de 2012.
De feito, Manel Grandal e Xesús A. López Pintos, lembraron que o condutor pretendía saltar a manifestación, e para isto non lle importou arrollar co seu vehículo aos/ás manifestantes, ferindo na súa acción a unha muller. Por este suceso xa tivo lugar xuízo o pasado ano.
Porén, a acusación particular pide agora para Martíns unha multa de 12.000 euros (20 euros/días durante 20 meses) e 5.691 euros por danos, mentres que a Fiscalía solicita unha sanción de 3.150 euros, durante 15 meses a razón de 7 euros por día, e mais 3.419 euros por danos. Cantidades absolutamente desorbitadas.
“Que lle pidan agora que afronte o pago desas cantidades a unha persoa que se gana a vida traballando no mar resulta moi duro e é inxusto, sobre todo cando o que intentaba era impedir unha desfeita”, afirmaron os voceiros comarcais.
Para a CIG de Ferrol estamos ante un novo intento de reprimir e acalar a resposta da clase traballadora (neste caso concreto, a través da presión económica) fronte ás medidas antisociais e políticas neoliberais que nos están a impor.
Este mércores está convocada unha concentración en solidariedade co compañeiro Francisco Martíns diante dos xulgados de Ferrol, ás 11:30 horas, coincidindo coa celebración do xuízo.