Regular as condicións dos traballadores e traballadoras e dotar de eficacia normativa os acordos nas industrias auxiliares fica a un paso de facerse realidade, tras o acordo asinado hoxe entre as organizacións sindicais e as empresas do sector que operan en Navantia. Determinar o ámbito temporal e territorial, as categorías e as contías económicas para este persoal era a condición marcada pola patronal provincial para incluír os acordos das auxiliares no convenio do metal da Coruña. Por iso, dende a CIG-Industria reclamam ao patronato provincial a cumprir coa súa parte e asumir a incorporación do pacto alcanzado en Ferrol, durante a reunión convocada para este mércores no Consello Galego de Relacións Laborais.
"Sería inaceptábel que mañá a patronal se negara a incluír o acordo no convenio, cando as partes afectadas -traballadores/as e as empresas auxiliares que operan en Navantia- conseguiron chegar a un entendemento", subliña Vicente Vidal, secretario da CIG-Industria de Ferrol. Lembra que na última xuntanza no Consello Galego, o empresariado con presenza na mesa do convenio requiriu ás centrais sindicais e ás empresas do naval resolver previamente unha serie de cuestións relativas á igualación das categorías cos grupos salariais,sobre a temporalidade da inclusión dos pluses no convenio e unha proposta económica.
Con tal obxectivo, acadouse un preacordo na Mesa do Naval que a CIG explicou e someteu a votación dos traballadores e traballadoras nas asembleas celebradas o pasado xoves nos dous estaleiros da ría. "Para CIG é moi importante que o persoal estea informado do que se fala e sobre todo, contar coa súa opinión. Desta volta, e chegados a este punto, consideraron prioritario garantir a legalización dos acordos por enriba doutros aspectos de corte económico", subliña.
Unha reivindicación xusta e lexítima
A este respecto, Vidal destaca que só foi posíbel lograr este acordo grazas á determinación e a loita desenvolvida nestes anos polos traballadores e traballadoras das auxiliares, tanto nas mobilizacións pola negociación do convenio provincial como na folga que o pasado ano mantivo paralizado o sector durante 22 días. Unha folga que foi convocada en solitario pola CIG, atendendo o mandato das asembleas do persoal, e que se tentou deslexitimar e boicotear dende diferentes ámbitos. "Co seu esforzo incansábel, os traballadores/as impediron que desapareceran da loita sindical as súas reivindicacións, iniciando o camiño para recuperar os seus dereitos, cando había centrais que xa daban por mortos os acordos", destaca.
Por iso, CIG-Industria apela á responsabilidade da patronal provincial para que asuma dunha vez a incorporación dos acordos no convenio do metal, regulando as condicións laborais e salariais de miles de traballadores/as, e dando así resposta ás xustas e lexítimas reivindicacións deste colectivo.