Estes herbicidas foron aplicados polas beirarrúas e taludes das estradas anteriormente citadas, sen respectar os espazos mínimos de seguridade por exemplo con respecto ás masas de auga superficial, entre outros, como foi no caso do río Caselas na parroquia de Cabreira, onde non se respectou estas distancias nin ningunha outra. As actuacións levadas a cabo polo persoal das estradas poderían ter vulnerado, alúmenos, até 6 preceptos da Directiva 2009/128/CE e do RD. 1311/2012.
Ademais, dende Lazoiro amósanse preocupados posto que un dos principais compoñentes é o glifosato, un herbicida total non selectivo que se filtra no solo, é moi soluble na auga contaminando a terra, os acuíferos e afectando ademais ao ciclo natural dos ecosistemas. Ademais, existen estudos científicos que relacionan o uso do glifosato con afeccións e enfermidades.
Por todos estes motivos, dende a Asociación Lazoiro solicítalle ao Goberno do Concello de Salvaterra que deixe de aplicar produtos químicos para tales fins como así instando aos organismos que teñan competencia no mantemento das estradas, camiños, tendidos eléctricos e demais, pertencentes ao Estado, Xunta de Galicia, Deputación, desbotar o seu uso.
Ademais, Lazoiro tamén lle solicitou á Xefatura de Medio Rural, a Axencia Galega de Infraestruturas e a Xefatura Territorial de Medio Ambiente que investiguen e comproben a realidade da denuncia formada pola Asociación, que informen dos protocolos de actuacións e que non volva acontecer as irregularidades aquí denunciadas.