Aos días do anuncio a ODS Coia chama á Aqualia e ao concello. Nin concesionaria, nin concello foron quen de explicar como acceder a estas axudas. Non existían.
Co paso dos días, responsables do departamento de Benestar Social recoñecían que traballaban para tratar de encaixar este anuncio dentro das axudas de emerxencia que conceden todos os meses. Expresaban tamén estupor polas declaracións de Caballero e Regades, nas que negaban que en Vigo houbera cortes de auga. Con sorna dicían literalmente que "ninguén podería crerse semellantes afirmacións" e que se non os había era polos recibos de auga que Benestar Social pagaba todos os meses a ducias de familias sen recursos.
Na véspera de San Xoán unha veciña recibe aviso de corte de auga. Tres facturas, é dicir, 130’50€ provocan que Aqualia lles comunique a “SUSPENSIÓN DA SUBMINISTRACIÓN a partires do 21/07/2016”. A moitas veces nomeada esmola da RISGA non lles permite cubrir as necesidades básicas para a vida. Por iso, todos os meses fan cabriolas para “ir tirando”. Este mes avisou Aqualia. Nuns días pode ser FENOSA ou o dono da vivenda os que comuniquen que outras necesidades básicas corren perigo.
Pero esta familia non está soa. Compartiron o seu problema i están a descubrir e experimentar que xuntas somos máis fortes. Semanas antes de recibir este aviso, elas con máis veciñas foran onda as de Aqualia na procura de solucións aos cortes de auga. Por iso saben que se chamas ao 986371178 paralizan o corte. Por iso saben que o convenio anunciado por Caballero é fume, as axudas anunciadas non son tal. Se tes aviso ou corte de auga o concello ofréceche que solicites unha axuda de emerxencia municipal (AEM). Unhas axudas lentas, opacas, miserentas... que para nós non son máis que esmolas para que continuemos onde estamos. A única nova que trouxeron as verbas do alcalde é que Aqualia vai engadir 30.000€ (só para auga) aos 800.000€ de orzamento das AEM para 2016.
Para Aqualia, a auga é un negocio. Para o goberno municipal, os negocios desta transnacional están por riba das necesidades das veciñais. Para nós, a auga é un dereito e os dereitos non se cortan.