O mercado laboral galego experimentou no mes de xuño un novo aumento da precariedade, da temporalidade e da desprotección, características que van camiño de converterse en estruturais. O número de contratos rexistrados neste período acadou un maximo histórico, pero pola contra o paro baixou en só 13.144 persoas, o que se explica por unha temporalidade de máis do 93%. De igual xeito, o descenso do desemprego non coincide co incremento da afiliación á Seguridade Social, xa que unicamente medrou en 8746 persoas, o que significa que 4398 activos/as foron expulsados do mercado laboral.
Como cada ano, o inicio do período estival e das rebaixas fan de xuño un mes tradicionalmente positivo no que a datos do paro se refire. Nesta ocasión o descenso do desemprego atinxiu en Galiza o 5,6%, o que se traduce en 13.144 parados/as rexistrados/as menos. Deste xeito, a cifra total de desempregados/as no noso país sitúase nas 207.320 persoas.
Porén, o que a priori semella un dato positivo contrasta co feito de que a afiliación á Seguridade Social medrou unicamente en 8746 persoas, o que significa que 4398 activos/as foron expulsados do mercado laboral, ben sexa porque xa non se anotan nas oficinas do SEPE por falta de confianza no sistema ben porque deciden buscar un futuro na emigración. O que vén a significar que preto do 35% do descenso do desemprego non se corresponde cun incremento da ocupación, polo que probablemente a emigración e o desencanto co sistema expliquen unha parte importante do descenso do paro.
De igual xeito, o optimismo que inunda a propaganda gubernamental dilúese se temos en conta que o número de contratos acadou un máximo histórico (93.293), dos que o 93,4% se rexistraron baixo algunha das modalidades de contratación temporal. Ademais, non é que se trate só de contratos maioritariamente temporais, senón que tamén son de escasa duración xa que son poucos/as os novos/as contratados/as para un número de contratos tan elevado. O 79,3% destes contratos rexistráronse nalgunha actividade do sector servizos.
Asemade, tanto o paro prolongado como a escasa duración dos contratos fan que mes a mes diminúa a cantidade de parados/as que perciben algunha prestación. No último mes, tan só o 46% ingresou algunha; deles/as, unicamente o 38,8% recibiron a prestación contributiva. Estes factores están a disparar o número de persoas en risco de exclusión social ao provocar un progresivo empobrecemento da clase traballadora.
Fronte a estes datos, o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, incide na necesidade de cambiar este modelo produtivo baseado na precariedade e temporalidade e aposta pola implementación dun plan de desenvolvemento industrial baseado no reforzo dos nosos principais sectores produtivos, “que ademais son precisamente os que teñen maior capacidade de crear emprego digno e de calidade”. A central levou precisamente esta proposta ao Parlamento galego a través dunha ILP que o PP rexeitou.