O consumo responsable é a toma de consciencia das consumidoras de como as políticas de produción, distribución e consumo de alimentos, produtos e servizos afectan á comunidade local e internacional e a consecuente acción destas persoas para a transformación destas políticas nun proceso xusto e beneficioso para todas. Así é como a cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca entende este concepto e acodirán ao Centro Social Autoxestionado A Comuna (Verea do Polvorín 35) para falar sobre estes temas mañá a partires das 20.00 horas.
A charla será de carácter aberto e participativo polo que as presentes poderán preguntar todas as súas dúbidas sobre estes conceptos e a experiencia que a cooperativa ven vivindo dende que se constituíu.
Os valores básicos de Zocamiñoca son a economía social onde priman as persoas e o traballo sobre o capital; a soberanía alimentaria como dereito dos pobos a decidir sobre a súa produción, elaboración e consumo atendendo especialmente aos dereitos das mulleres; a ecoloxía social; o custo enerxético para iniciar procesos de decrecemento e con isto diminuír o impacto ecolóxico dos xeitos de produción actuais; a dignificación do rural xa que é imprescindible para a vida humana e para que o urbano estableza con este dinámicas de aprendizaxe, relación e asimile como propias as loitas do medio rural e os seus habitantes; a transformación social para pasar de dinámicas de competencia a dinámicas de colaboración, solidariedade, horizontalidade e igualdade e xustiza social para acadar un reparto equitativo dos bens sociais tanto no propio entorno como no Norte e no Sur.
Título | “Consumo responsable” coa cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca |
Día | Venres 22 de Xullo de 2016 |
Hora | 20:00 horas |
Lugar |
Centro Social A Comuna (Verea do Polvorín, 35) |