En informacións recentes os xefes de servizo de Pediatría e Psiquiatría do Hospital Álvaro Cunqueiro recoñecen a situación e falan de solucións simples, que pasan en síntese por diferenciar a hospitalización de nenos/as e de adolescentes de tal xeito que a primeira aparecería situada en Pediatría e a segunda nun espazo reformado no lugar de hospitalización de adultos no que, illando un corredor, se habilitarían camas para adolescentes.
Abandónase así a idea dunha Unidade de Hospitalización única sustentada nun proxecto terapéutico específico e nas orientacións de planificación existentes ata agora, para dar unha saída apresurada á situación denunciada. Ademais esa proposta non é realizada por responsables de medio ou elevado rango do SERGAS, senón desde o nivel de xefaturas de servizo. Foi así como se fixeron e se seguen a facer unha parte dos recortes: aparentando
crear novas unidades que en realidade se van transformar, e con iso recortar prazas (que son moito máis que camas), de hospitalización de adultos coas súas correspondentes dotacións materiais, profesionais e espaciais para así cubrir mal o que se prometera crear con recursos específicos.
E todo iso vai ocorrer facendo xestión improvisada, sen coñecemento nin participación dos profesionais da Área, facendo diferenciacións na hospitalización de pacientes infantís e adolescentes, recortando recursos cando ao tempo se segue a derivar a pacientes adultos necesitados de hospitalización a clínicas privadas, sen ter aínda o equipo facultativo ao completo nas Unidades de Hospitalización de Adultos (seguen a faltar especialistas en Psicoloxía Clínica), e cando tampouco se resolveu a carencia de espazo adecuado para a hospitalización baixo custodia.
Non é aceptable ningunha solución que non sexa a de creación dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para a Infancia e Adolescencia da zona Sur de Galicia con recursos específicos de nova creación (proxecto e programas terapéuticos definidos, espazos, materiais e dotacións profesionais). As solucións que agora son coñecidas son só apaños que desvisten a uns santos para vestir mal a outros, e son tamén enganos de quen acepta recortar recursos asumindo a responsabilidade das promesas incumpridas e poñendo así a cara por quen goberna.
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se
está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría, Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais.