Mar de Lumes celebrou ontem umha concentraçom às 16:30 no recinto do Festigal, no ámbito das mobilizaçons polo Dia da Pátria em Compostela. A seguir, reproduzimos o comunicado:
MANIFESTO FÓRA IMPERIALISMO DA AMÉRICA LATINA
Os últimos anos teñen sido marcados, na América Latina, por unha nova vaga de agresións imperialistas que teñen o seu precedente naquel infausto Plan Cóndor que nas décadas de 1970 e 1980 arrasou o continente suramericano, matou milleiros de persoas e fixo desaparecer centos de milleiros polas súas ideas políticas e por se organizaren para dar aos seus países gobernos de progreso.
Despois daquilo, o cambio de século trouxo de novo ventos de autoorganización popular permitindo importantes vitorias que se sumaban á resistente Cuba, con gobernos progresistas e de esquerda que impulsaron diferentes programas de transformación social, redistribución da riqueza, expansión dos servizos públicos básicos e aumento do control sobre os recursos naturais. Políticas, todas elas, rexidas pola idea da soberanía dos pobos e por unha concepción antiimperialista e multipolar do mundo. A concreción da ALBA-TCP a partir de 2004 e as importantes vitorias á hora de reorientar, cando menos en parte, a CELAC, a OEA ou UNASUR — até entón dirixidas directa ou indirectamente desde os despachos da oligarquía estadounidense — colocaron o continente nun camiño de segunda independencia que o capital transnacional dos Estados Unidos e da Unión Europa non podía permitir. Non é casual que en México, cun goberno-monicreque, o asasinato sistemático de profesorado e alumnado fique impune mentres en Venezuela, calquera cousa é empregada para abrir un conflito político de carácter internacional contra a revolución bolivariana.
Por iso, a guerra mediática contra Venezuela, o intento de asasinato de Zelaya, os golpes de estado institucionais contra os gobernos de Paraguai e Brasil, o hostigamento permanente contra Ecuador e Bolivia ou as agresións do FMI e o Banco Mundial contra o goberno da Arxentina, o control exaustivo sobre Perú, México, Colombia, Haití, Porto Rico, etc. non poden ser interpretados como pezas soltas, nen explicados unicamente por causas internas. Todas estas accións non son outra cousa que manobras ofensivas nunha guerra non convencional lanzada polo imperialismo para recuperar o control dun continente inmensamente rico que, despois de décadas, comezaba de novo a estar nas mans dos seus pobos.
Desde Galiza, un pobo tamén en loita contra a expatriación dos nosos recursos, contra as políticas de españolización que destrúen a nosa cultura, contra o colonialismo centralista que nos nos impide desenvolvernos, nos empobrece e nos expulsa do noso país, queremos expresar, mediante esta acción simbólica, o noso apoio ás dignas causas dos pobos da Nosa América, aos seus gobernos revolucionarios ou progresistas, e tamén ás organizacións de todo tipo que en Chiapas, en Oaxaca, na selva colombiana ou no territorio mapuche continúan loitando polos seus dereitos colectivos.
Vivan os pobos que loitan!
Fora imperialismo da América Latina!