Con todo, máis da metade dos desempregados/as do noso país non percibe ningunha prestación económica, e unicamente o 38% ingresa a contributiva.
O descenso do paro é habitual cada mes de xullo ao coincidir coa maior etapa de contratación do período estival. De feito, neste período formalizáronse 99.487 contratos, dos que o 80% foi nalgunha actividade relacionada co sector servizos; ademais, o 94% rexistrouse baixo algunha modalidade de contratación temporal.
O desemprego baixou tamén na construción e na industria, pero de xeito menos acusado. Así mesmo, segue a caer o número de parados/as con dereito a prestación, xa que en xullo só o 46% percibiu algunha prestación por desemprego; destes, unicamente o 38% ingresou a contributiva.
Dende a secretaría confederal de Emprego e Industria da CIG inciden en que estas altas cotas de temporalidade son froito das sucesivas reformas laborais aplicadas polo Goberno central, especialmente a aprobada polo Partido Popular, que só serviu para degradar aínda máis as condicións laborais e para reducir en maior medida os salarios.
Neste senso, o seu responsábel, Miguel Malvido, indica que a consecuencia disto non deixa de medrar o número de traballadores/as pobres e de persoas en risco de exclusión social. “Atopámonos cunha realidade cada vez máis perversa, xa que ter un posto de traballo non garante poder levar unha vida digna”, critica.
Ao mesmo tempo, lembra que a central elaborou unha minuciosa proposta cunha serie de medidas orientadas ao crecemento económico e a creación de emprego que foi trasladada ao Parlamento galego para a súa aprobación baixo a fórmula da Iniciativa Lexislativa Popular. Mais o documento foi rexeitado cos votos en contra do PP. “En materia laboral o único que se ve son os nefastos resultados da política seguidista da Xunta de Feijóo con respecto ao Goberno central de Rajoy”, lamenta.