O InsuaCamp está organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Deputación de Lugo, no marco do acordo que ambas entidades teñen suscrito para a xestión e conservación das Insuas do Miño e os Ollos de Begonte, dous espazos de alto valor natural que son propiedade da Deputación. A asociación Drosera, especializada no estudo e conservación dos morcegos, tamén participa na organización.
As Insuas do Miño conforman un dos mellores bosques aluviais da península Ibérica, estando incluidas na Rede Natura 2000 e situadas na zona núcleo da Reserva da Biosfera de Terras do Miño.