O que, a priori, se agardaba que fose un incendio de menores dimensións derivaba a media tarde en que a Consellería de Medio Rural decretase a media tarde a coñecida como "situación 2" pola "proximidade a núcleos habitados", nomeadamente ao lugar de Vilanova, onde viven unhas 200 persoas que puideron regresar ás súas casas na mañá deste martes. A intensidade do lume obrigou a que, ademais dos medios da Xunta -cando Medio Rural estimaba que arderan unhas 200 hectáreas actuaban alí 10 brigadas e 9 helicópteros, entre outros medios- tivese que despregarse a Unidade Militar de Emerxencias.
Unha zona especialmente poboada foi tamén a afectada polo lume en Caldas, na parte baixa do monte Xiabre. A "situación 2" obrigou na parroquia de Saiar a ordenar a evacuación dunhas dez vivendas, así como instalacións industriais do polígono do Pousadoiro. Ese nivel de alerta desctivouse pouco despois do mediodía deste martes.
A mesma medida preventiva motivada polo achegamento do lume a zonas poboadas houbo que tomala no incendio orixinado na parroquia de Queimadelos, en Mondariz. Ás 10.25 horas deste martes Medio Rural daba por rematado o risco para as vivendas e, pouco despois, consideraba o lume "estabilizado".
O acontecido este luns e a previsión meteorolóxica do martes fai agardar outro día complexo nos montes galegos. Non en van, o risco de incendios segue a ser "extremo" en practicamente toda Galicia agás na Mariña.
Parque Natural de Corrubedo
Estes incendios producíronse despois de que, na media noite do domingo ao luns, comezasen outros dous no concello de Ribeira que afectaron a unhas 95 hectáreas de terreo, das cales 39, segundo as estimacións da Xunta, forman parte do Parque Natural das Dunas de Corrubedo. O espazo protexido, o máis visitado de Galicia, que integra tamén as lagoas de Carregal e Vixán, ten unha superficie total de 996 hectáreas.
Segundo a Consellería do Medio Rural, ás 00.30 horas deste luns iniciouse un incendio na parroquia de Carreira, ao sur do parque natural. A Xunta deu o lume por extinguido na mañá deste martes grazas ao traballo, entre outros, de tres helicópteros, dous avións e 20 brigadas. Segundo as súas estimacións, afectou a 81,7 hectáreas, das cales 26 están dentro do perímetro do parque.
Media hora despois de iniciarse ese lume, ás 00.58 horas comezou outro na parroquia de Olveira, ao outro lado do espazo protexido, no seu extremo norte. Ese segundo lume afectou a 13 hectáreas, todas elas do parque natural. Neste segundo incendio traballaron catro brigadas.
Na península do Barbanza tamén se rexistrou outro incendio, dunhas 30 hectáreas, na parroquia de Leiro do concello de Rianxo. 16 brigadas e un helicóptero traballaron alí desde que se rexistrou o lume, ás 21.42 horas do domingo, ata que se deu por controlado ás 9.17 horas da mañá do luns.