Situación dos principais incendios
-Santiago: Un incendio iniciado no mediodía do mércores na parroquia de Fecha que consumiu xa 500 hectáreas requiriu desaloxos e a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
-Porto do Son: Incendios iniciados nas parroquias de Baroña e Xuño acabaron uníndose e suman unhas 500 hectáreas, tamén con risco para a poboación e coa actuación da UME.
-Avión: O principal incendio da provincia de Ourense tamén é produto da unión de dous focos aparecidos nas parroquias de Avión e Nieva e consume xa 400 hectáreas. Tamén alí traballa a UME.
-Soutomaior: Ademais do incendio xa sen risco pero aínda activo que se iniciou o luns en Soutomaior e avanzou cara Redondela consumindo 230 hectáreas, na parroquia de Arcade rexístrase outro lume de 180 hectáreas que tamén ameaza vivendas e que se uniu con outro incendio tamén rexistrado en Ponte Sampaio, Pontevedra.
-Cee: Na parroquia de Toba un incendio tamén con risco para a poboación consumiu xa 180 hectáreas.
Ademais destes lumes con risco para a poboación, nas últimas horas rexistráronse outros incendios significativos. Nos concellos veciños de Arbo e Crecente hai dous incendios de 500 e 200 hectáreas, respectivamente, nas parroquias de Mourentán e Albeos. Na Costa da Morte, en Vimianzo, na parroquia de Carnés, un incendio afecta tamén a 70 hectáreas.