Onte Francia foi o noso verdugo tanto en competición masculina como en feminina mais a vida sempre dá segundas oportunidades e hoxe a Selección Galega feminina tiña posibilidade de desquite contra as galas na final de consolación dos Mundiais.
O partido comezou moi difícil cun 6-0 de saída para as francesas. Foi entón cando as xogadoras galegas, lonxe de virse abaixo, aproveitaron o seu bo estado físico e, pelexando cada balón como se fose o derradeiro, puideron darlle a volta ao resultado e rematar gañando por un axustadísimo 3-03 (12) a 2-05 (11). Como onte, só un punto de diferenza separaba a estes dous combinados mais esta vez a moeda caía do lado galego, e no momento máis importante. As francesas con gran deportividade recoñeceron ás nosas co famoso “pasillo” de rigor.
As capitanas Alba Fontán e Paula Paz, xogadoras do A Coruña Fillas de Breogán, levantaron o trofeo e as nosas xogadoras viron recompensado o esforzo de todos este meses portando ao pescozo cadansúa medalla.
Ao remate do encontro os seleccionadores, Jerry Holmes e Carlos Torres, e todas as nosas representantes adicaron esta última vitoria a todas as galegas e galegos, as compañeiras que por lesión ou decisión técnica quedaron na casa e tamén a todas as rivais neste Campionato. O bo ambiente en situación de máxima competencia durante os Mundiais foi destacado por siareiros do deporte nas redes sociais e por todos os medios de comunicación irlandeses.