A actividade, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde no Salón de Actos do Parque Infantil de Tráfico López Mella, e que ten solicitada a homologación por parte da Consellería, contará con ponencias, obradoiros e debates arredor da igualdade e da coeducación. Branca Nazaré Guerreiro, Lola Ferreiro e Mª Luz González serán as ponentes desta segunda edición das Xornadas, que aspiran a repetir o éxito de participación de hai dous anos, convertendo a actividade nun punto de encontro de referencia para o profesorado.
Dende o STEG, que entre outros valores identitarios se caracteriza polo feminismo, considérase que este tipo de actividades formativas son fundamentais para combater dende o ensino público as actitudes, comportamentos e intolerábeis feitos que se suceden na nosa sociedade a cotío.
O prezo da matrícula é de 10 euros por persoa e pódese facer online na páxina web do sindicato: www.steg.gal
Con esta actividade, o sindicato de traballadoras e traballadores do ensino de Galiza pecha o ciclo formativo para este curso, que se iniciou coas Xornadas de Innovación Educativa PALAVRAR A LINGUA, no Museo do Pobo Galego en Compostela, hai dúas semanas.