O pasado mércores 27 de abril emitiuse na Televisión de Galicia a 11ª edición do programa musical Musigalité, “Bancos e salóns recreativos”, dedicada aos grupos Villanueva, Uppercut e Ataque Escampe. No programa, gravado a finais do pasado verán, este último grupo interpretou a canción “San Marino” incluída no seu até agora último LP, O disco vermello, de 2014. No texto de “San Marino” a voz narrativa soña con atracar unha sucursal bancaria na Praza Roxa de Santiago de Compostela, e un dos seus retrousos di: “Isto é un atraco, chegarei até o final por unha vez. Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP”.
Na actuación emitida en Musigalité recolleuse integramente a interpretación acústica do tema, pero ao chegar á frase “por unha vez”, hai un corte na música e pasa á parte inmediatamente posterior, unha coda instrumental con coros, como se pode apreciar no minuto 26 da gravación do programa (http://musigalite.crtvg.es/video_augmented/video-aumentado-pgm11-bancos-e-salons-recreativos/).
A banda publicou na mañá do xoves 27 o seguinte comunicado en redes sociais: “Acabamos de saber que no programa Musigalité da TVG emitiuse onte a nosa canción "San Marino" censurada. O último verso do tema antes da coda instrumental, como talvez saibades, é: "Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP". Pois ben, como podedes ver no vídeo (en 26'12"), hai un sutil corte entre o verso anterior e a parte instrumental final que, casualmente, elimina ese verso, e só ese verso, da canción. Pensabamos que a censura hoxe en día consistía en decidir non emitir o que non interesa, pero non: comprobamos con enorme tristeza e noxo que Musigalité e a TVG non dubidaron en meter a tesoira de toda la vida de dios como se estivésemos en 1946. Non queremos aparecer como vítimas de nada, pero cremos que hai motivos serios para preocuparse como cidadáns e cidadás. Agradecemos difusión disto, e non por amor pola música senón por decencia.”
Pola súa parte, a produtora do programa, en comunicación telefónica á banda (por iniciativa desta última), alega que se eliminou o verso por necesidades da edición e sen ánimo de censurar, e que nunha sección da súa páxina web hai un enlace na parte inferior na que se pode consultar a versión íntegra do vídeo: http://musigalite.crtvg.es/video_augmented/video-aumentado-pgm11-bancos-e-salons-recreativos/ ).
Sobre Ataque Escampe: “As Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. Arrástranse desde 2001 polos escenarios, electrificándose de a pouco conforme pasan os anos, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco: Galicia es una mierda (2008), A grande evasión (2009), Violentos anos dez (2011), Noites de agosto con Ataque Escampe (2012) ou O disco vermello (2014), entre outros. En 2014 gañaron na categoría indie / pop dos Premios da Música Galega. Do pop ao soul con paradas no krautrock, na cumbia, no dub, no rap, no calipso e onde vostedes queiran se non lles preocupan demasiado a pureza e esas cousas. Perdedores, perdedoras: deixen as miserias na casa e veñan bailar a súa música sen complexos ao campo da festa de α Centauro”.
Letra completa de “San Marino”: “Son boa persoa e hai días que estou on fire. Aquí na Praza Roxa onde rula o capital. Na sala de xogos fun grande tempo atrás. Agora todo cambiou: ás nove abre a sucursal. Isto é un atraco, vinos na televisión, sei como van. A ver, cabronazos, aínda colle outro millón na bolsa do Media Markt. Noites enteiras procurando o destino final, e nos Xogos sen Fronteiras San Marino non pintaba tan mal. Nos rañaceos aínda escoitan os Dire Straits, mais de onde veño eu as cousas non van tan ben. Isto é un atraco, chegarei até o final por unha vez. Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal, como fan os do PP”.