Estas praias atópanse en diferentes parroquias de Salvaterra, contando todas elas cun bo acceso e a maioría con merendeiros. No río Tea destacan a de Abelán na parroquia de Fornelos, Cordeiro en Alxén e os Muíños en Salvaterra. Tamén no río Miño a de Bogal na parroquia de Oleiros.
A Asociación Lazoiro pide a inclusión no censo de zonas de baño de Galicia ao amparo da Lei 14/1986, do 25 de abril, que prevé que as actividades e produtos que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias negativas para a saúde, sexan sometidos ao control das administración públicas. Unhas destas actividades é o uso recreativo da auga, en concreto as zonas de augas de baño naturais. Entre eses beneficios, estaría poder consultar en liña o estado da auga en todo
momento e incluso de que se volvese a repetir algúns dos verquidos que nos últimos anos tiveron lugar no río Tea, entre o que destaca o do vertido de sosa cáustica en Mondariz. Deixando por tanto nunha situación de desamparo ás persoas que se bañan no río Tea en Salvaterra, xa que o último punto recoñecido como zona de baño atópase en Ponteareas, esquecéndose por tanto do treito final que vai até a desembocadura no río Miño.
Por eses motivos a asociación Lazoiro vén de solicitar de forma oficial a incorporación das praias anteriormente citadas no censo de zonas de baño de Galicia antes a Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra e tamén posto en coñecemento do Concello de Salvaterra para que tomen as medidas necesarias.