Os contratos temporais e a época estival volven facer descender o desemprego fronte ao ascenso no conxunto do Estado (+14.435). En termos interanuais, a comunidade autónoma conta con 20.687 persoas menos en paro, un descenso do 9,7%.
Deste xeito, o número de parados rexistrados en Galicia sitúase nos 193.045, segundo os datos do Ministerio de Emprego. O descenso en todos os sectores en agosto -pero especialmente nos servizos con 1.043 parados menos- confirma este verán como a etapa na que o desemprego rexistrado alcanza por fin unhas cifras menores ás que atopou Feijóo á súa chegada á Xunta na primavera de 2009. Polo medio, unha suba en 90.000 desempregados até alcanzar o pico dos case 300.000 en 2013 e, sobre todo, un mercado laboral moito máis deteriorado.
De ter en conta maio de 2009, primeiro mes completo cun goberno de Feijóo á fronte, Galicia conta na actualidade cuns 15.000 parados rexistrados menos que daquela (207.518) pero, pola contra, destruíu polo camiño máis de 50.000 empregos. Así, e segundo estes últimos datos do Ministerio, o país conta na actualidade con 979.105 afiliados á Seguridade Social, 5.132 máis que no mes anterior e 16.000 máis que no mesmo período de 2015. Non obstante, son 52.447 menos dos que atopou o actual presidente á súa chegada a San Caetano.
Xa que logo, malia haber uns 15.000 parados menos que cando Feijóo chegou ao poder, tamén hai case 52.500 cotizantes menos, unha variación que ten que ver coa emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou, en menor medida, o paso á economía en b.
Se temos en conta os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), a ocupación aínda descendeu máis en Galicia nestes sete anos, con 122.200 ocupados menos. Tendo en conta estas mesmas estatísticas, a taxa de paro aumentou en máis de cinco puntos, dos 161.100 e o 12,2% do terceiro trimestre de 2009 aos 222.900 e o 17,7% do terceiro de 2016.
En canto á poboación activa, os números tamén son negativos tras estes máis de sete anos de goberno de Feijóo e a crise económica. Galicia perdeu máis de 60.000 activos desde a primavera de 2009 e a taxa de actividade pasou do 54,7% ao 53,5% da actualidade. Desde a Xunta destacaron que as cifras deste pasado mes supoñen "a segunda maior baixada do paro nun mes de agosto desde que existen datos". Non hai moito, o presidente atribuía as inscricións no paro á vontade de atopar traballo para afrontar os malos números e pouco despois de minusvalorar tamén a EPA.
Pero peor é aínda a taxa de cobertura, o indicador para recoñecer a relación entre os beneficiarios da prestación por desemprego e o paro rexistrado. Se en maio de 2009 esta taxa alcabanza o 62,4% dos parados, na actualidade sitúase no 52,9%.
A cifra de beneficiarios con prestacións por desemprego en Galicia en xullo de 2016 (último dato dispoñible), é de tan só 94.372 persoas, 13.867 menos ca un ano antes, e o carácter contributivo desta prestación está en mínimos, xa que tan só 39.097 son beneficiarios de prestación contributiva.
Ademais, a precariedade continúa a dominar o tipo de contratación en Galicia, centrada fundamentalmente no sector servizos e impulsada pola época estival. Durante o mes de agosto subscribíronse un total de 87.509 contratos no país, dos que o 94,3% foron baixo algunha modalidade de carácter temporal. 94 de cada 100 contratos non son fixos.
Este elevado número de contratos nun mes é proba tamén da elevada rotación qeuu se dá no mercado laboral galego e, como advirten os sindicatos, "da súa debilidade para xerar postos de traballo fixos e de calidade". Con todo, rexistráronse 11.978 contratos menos ca en xullo e, en proporción, a maior caída dáse na contratación indefinida: 1.011 contratos fixos menos (-16,91 %) fronte a 10.967 temporais menos (-11,73 %). Na comparación anual, son 1.087 contratos indefinidos máis (+28 %) fronte a 10.458 temporales máis (+14,5 %).