O Observatorio universitario ten que remitirse ao ano 1981 para atopar unha medición inferior á deste ano, que foi en total de 13,8 litros por metro cadrado (1,2 no único día que choveu en xullo e 12,6 litros dos sete de agosto). Naquel bimestre estival o seu pluviómetro rexistrara precipitación cero.
Docobo lembra ademais os anos 1969 (3,1 l/m2 nese bimestre) e 1978 (8,2 l/m2), ano este último no que a seca se estendera tamén aos meses de xuño e setembro. Xa máis recentemente son salientables as baixas precipitacións no bimestre estudado dos anos 2010 (25,2 l/m2) e 2002 (27,2 /m2).
Polo que respecta a insolación, tamén os meses de xullo e agosto deste anos resultan ser os máis soleados deste comezo de século. “Entre os dous suman un total de 653 horas, cando a media das horas medidas polos heliógrafos do OARMA no conxunto destes dous meses é de 500 horas”.
Non hai que remontarse a moi lonxe para atopar o ano que rexistrou maiores precipitacións. Foi en 2004 cando a choiva caída en Compostela estivo a piques de chegar aos 300 l/m2. O ano 1971 foi tamén moi chuvioso (276,8 l/m2); e séguelle 1983 (132 l/m2), co bimestre estival co maior número de días con precipitación: 45 dos 62.
No que vai de 2016 rexistráronse na capital de Galicia 1450 litros/m2, a meirande parte deles (1400) entre xaneiro e maio. A media anual dos últimos 30 anos sitúase en 1840 l/m2.